O BNG cualificou de rutineiros e sen proxecto os orzamentos da Xunta para As Mariñas

Imaxe da reunión coa deputada Mercedes Queixas
Imaxe da reunión coa deputada Mercedes Queixas

A deputada nacionalista Mercedes Queixas insistiu na falta de orzamento para a posta en valor do Patrimonio, como o Pasatempo ou o casco histórico de Betanzos, os fondos insuficientes para o saneamento integral da Ría e falta de orzamento para reforzar servizos básicos como a sanidade ou os servizos sociais

O BNG cualificou de rutineiros e sen proxecto os orzamentos da Xunta para As Mariñas

Betanzos, 23 de outubro de 2021. O BNG cualificou os orzamentos da Xunta para a comarca de “opacos, abstractos e insistiu en que non dan resposta a poder visibilizar un proxecto de avance para Betanzos e a comarca”. “Puro continuísmo rutineiro que anula calquera posibilidade de reactivar unha comarca altamente produtiva como esta. Non hai ningún proxecto propio dun goberno galego incapaz de xerar ilusión na veciñanza das Mariñas”, criticou a deputada nacionalista Mercedes Queixas.

Falta de orzamento para o saneamento integral da Ría de Betanzos

O BNG lamentou que os orzamentos da Xunta "adíen un ano máis a solución ao grave problema de contaminación que padece a ría de Betanzos". Para as nacionalistas, os 260 000 euros para actuacións de saneamento e depuración en Betanzos e Paderne "non son, nin de lonxe, suficientes para poñer fin aos vertidos de augas fecais e industriais que padece a ría practicamente a diario". “Máis se, como ven acontecendo os últimos anos, estas cantidades despois non pasan a investimento real e quedan no anuncio que cada ano nestas datas fai o PP”, ironiza deputada do BNG Mercedes Queixas. Neste sentido, a deputada nacionalista recordou a este respecto que "o saneamento da ría tiña que estar rematado na súa totalidade ao acabar 2015 e vemos que tampouco será en 2022 cando se finalice”.

Sen fondos para o centro de día ou para reforzar os servizos sanitarios

Para o BNG, as contas tampouco solucionan os problemas en servizos básicos que a comarca ten. Censuran que o goberno galego tampouco contemple como prioridade a mellora do servizo de pediatría na comarca a pesar dos problemas e carencia de facultativos en todos os municipios das Mariñas. “Malamente van fixar poboación os concellos rurais se non hai uns servizos nin parecidos aos que teñen as áreas urbanas”,  explica a nacionalista Mercedes Queixas.

Neste sentido, desde o BNG lamentan que este ano tampouco hai fondos para construír un centro de día público na localidade. “Feijóo prometera un centro de día público en cada concello de máis de 5000 habitantes e Betanzos segue esperando 15 anos despois”, advirte Queixas. O BNG sempre defendeu que Xunta, Estado e Concello se puxeran de acordo para rehabilitar o vello ambulatorio como centro de día público. 

"O PP esquece tamén investimentos clave no ensino público, como o mantemento das escolas unitarias ou o remate da reforma no CEIP Vales Villamarín que atende tres concellos", resalta. Desde o BNG cuestionan que tampouco haxa cartos para rematar a reforma integral que precisa o CEIP Vales Villamarín ou para convertir o aulario do Pasatempo nun centro de educación infantil independente. "Estes servizos son esenciais para manter poboación nunha comarca como a nosa e mitigar as diferenzas de renda", advirte.

Sen partida para a rehabilitación do Pasatempo

As nacionalistas censuran que as contas do PP deixen novamente sen cartos a rehabilitación do parque do Pasatempo. “O PP fartouse de demandar a declaración BIC do parque, de anunciar a licitación do Plan Director pero á hora da verdade evita poñer cartos para manter un patrimonio que a súa xestión e a do PSOE puxo ao bordo do colapso", explica a deputada do BNG.

Neste sentido, o BNG advirte que "non vemos por ningún lado nos orzamentos os fondos precisos para continuar as rehabilitacións das casas que ten a Xunta no Casco Histórico". "Non nos dan os números coas cifras e o reparto que os orzamentos prevén" advirte Mercedes Queixas, que engade que “as partidas xenéricas poden ser para Betanzos, como insiste o PP, ou poden ser para Corcubión, como dirá o PP alí, pero desde logo territorializado, non aparece nada”.

Por este motivo, as nacionalistas traballan xa nas emendas que presentarán ás contas para atender as necesidades da comarca. A tal fin, recollerán as propostas da veciñanza.

O BNG cualificou de rutineiros e sen proxecto os orzamentos da Xunta para As Mariñas