O BNG das Mariñas presentou en Betanzos a XVII Asemblea Nacional do BNG
"Somos unha organización forte, presente e enraizada en todo o país, que está a vivir un proceso de medre organizativo nos últimos anos e que se marca como un dos obxectivos centrais agrandar a base social do nacionalismo para reforzar o BNG como alternativa política"
Betanzos, 23 de outubro de 2021.- O BNG da comarca das Mariñas presentou onte en Betanzos o proceso asemblear que a organización nacionalista está a desenvolver e que culminará o vindeiro 7 de novembro coa XVII Asemblea Nacional, que se celebrará no Coliseum da Coruña.
A responsábel comarcal do BNG nas Mariñas, Cristina López, arroupada por militantes e simpatizantes nacionalistas dos diferentes concellos da comarca, destacou “o gran valor que representa para o BNG a rede de militantes e simpatizantes nacionalistas, que cada día poñen o seu esforzo e ilusión traballando polo proxecto colectivo que é o BNG”.
"Esta asemblea nacional marca o peche dunha etapa e o comezo dun novo ciclo, de reforzamento do proxecto nacionalista, que buscamos culminar coa consecución dun necesario cambio político na Galiza no 2024, co BNG na presidencia da Xunta de Galiza” explicou a responsábel do BNG. "Somos unha organización nacional, forte, presente e enraizada en todo o país, que está a vivir un proceso de medre organizativo nos últimos anos e que se marca como un dos obxectivos centrais agrandar a base social do nacionalismo para reforzar o BNG como alternativa política", engadiu.
Tamén salientou que a Asemblea Nacional do BNG "é un proceso democrático e participativo sen comparación con ningún outro de ningunha forza política, e no que a militancia decide activamente a liña política e a dirección da organización para os vindeiros anos, localidade a localidade, comarca a comarca".
A responsábel comarcal do BNG nas Mariñas quixo pór de manifesto que ademais, "é importante vincular o proceso tamén coa comarca, aproveitando para pór en valor, o alto número de novos militantes da comarca que van participar por vez primeira na Asemblea Nacional e que participaron no debate de textos na comarca da Mariñas tivo lugar onte 22 de outubro.