O BNG recolleu sinaturas para a ILP en defensa da atención primaria en Betanzos e Miño
“Levamos anos denunciando a precariedade do servizo de pediatría ou de matrona nos concellos das Mariñas e pedindo ao PP que incremente o orzamento para reforzar estes servizos, compartidos na maioría dos casos entre varios concellos”
Miño, 2 de outubro de 2022.- O BNG recolleu sinaturas para a ILP en defensa da atención primaria en Betanzos e Miño, dentro da súa campaña en defensa da sanidade pública nas Mariñas. No reparto esta mañá no feirón en Miño participou a deputada Mercedes Queixas, xunto coa responsábel comarcal Cristina López e o responsábel do BNG na localidade, Alberte G. Nicolás e militantes e simpatizantes do BNG, na localidade e na comarca.
“Levamos anos denunciando a precariedade do servizo de pediatría ou de matrona nos concellos das Mariñas e pedindo ao PP que incremente o orzamento para reforzar estes servizos, compartidos na maioría dos casos entre varios concellos”, indicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
Desde o BNG lembraron tamén que levan anos esixindo que se cubran as vacacións e baixas do persoal sanitario no PAC de Betanzos, como o caso da matrona e denunciando a precariedade do servizo.
“Na nosa comarca estamos sufrindo queixas continuas da veciñanza pola situación da sanidade, sen ir máis lonxe este verán a veciñanza de Bergondo estivo máis dun mes sen pediatra, sendo derivados a outros concellos”, explicou a responsábel comarcal.
A deputada Mercedes Queixas defendeu un incremento do 2,2% dos recursos destinados á Atención Primaria nos orzamentos galegos de 2023, logo de reclamar ao presidente da Xunta que “deixe de intentar botar balóns fóra e de intentar normalizar o desastre sanitario e se poña a traballar para recuperar a sanidade pública”.
Desde o BNG denunciaron o recorte no orzamento de 47 millóns de euros en 13 anos e a falta de previsión e de medidas malia saber hai anos que ían faltar profesionais para cubrir as prazas existentes, xubilacións e vacantes.