O BNG pediu no Parlamento que se denegue a autorización para a LAT Gato
Pedimos que se rexeite a solicitude de autorización así como a retirada definitiva do proxecto por incorrer en nulidade ao existir fragmentación dos proxectos
O PP responderá ás preguntas do BNG sobre a tramitación da subestación de Abegondo o próximo día 25 de outubro.
Betanzos, 13 de outubro de 2022.- O BNG pediu no Parlamento que se denegue a autorización para a LAT Gato. “Este proxecto, promovido por Greenalia, ten por obxecto construír unha liña de alta tensión e máis unha estación colectora para poder evacuar a enerxía xerada polos sete parques eólicos proxectados na zona actualmente en tramitación. A liña de 220Kv ten unha lonxitude total aproximada de máis de 25 mil metros e afectará aos concellos de Abegondo, Oza-Cesuras, Ordes e Carral”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
“Pedimos que se rexeite a solicitude de autorización administrativa previa, da autorización de construción, do estudo de impacto ambiental e do proxecto de liña de alta tensión LAT 220 Kv Gato – Mesón e subestación colectora do Mesón, así como a retirada definitiva do proxecto por incorrer en nulidade ao existir fragmentación dos proxectos”, engadiu Queixas.
Desde o BNG instaron ao Parlamento a aceptar as alegacións presentadas tanto polo propio BNG como por colectivos ou persoas a título individual a este proxecto. “Todos os parques eólicos que conectan a esta liña de alta tensión están aínda en fase de tramitación, polo que ningún está autorizado. Todos foron tramitados de forma independente en lugar de forma conxunta para poder coñecer o alcance e o impacto real de toda a infraestrutura no seu conxunto”, indicou a deputada nacionalista.
“Fica ben explícito agora que forman un conxunto, polo que é necesario e obrigatorio por lei avaliar de forma conxunta ao tratarse de megaparques interconectados entre si, que comparten infraestruturas básicas para o seu funcionamento, polo que facer unha avaliación de forma individual de todos os parques, da liña de evacuación, conexión e a LAT constitúe unha nulidade de pleno dereito ao fragmentarse de forma fraudulenta o proxecto na súa totalidade”, concluíu Queixas.
Pregunta sobre a subestación de Abegondo
O PP responderá ás preguntas do BNG sobre a tramitación da subestación de Abegondo o próximo día 25 de outubro. “Preguntaremos ao goberno en que situación se atopa a tramitación da subestación de Abegondo que promove Rede Eléctrica despois de que o Estado transferira á Xunta esta tramitación, retirara o anterior proxecto anunciando que vai presentar un novo”, informou Mercedes Queixas.