BNG demanda ao Goberno do Estado rexeitar a implantación do Proxecto Ecólico Caíño
Rego alerta da grave afectación medioambiental, económica e social que suporá a instalación do megaproxecto eólico
Defende paralizar toda tramitación de proxectos eólicos na Galiza e elaborar, conxuntamente coa Xunta de Galiza, unha planificación con criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio
Madrid, 26 de marzo de 2022. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado rexeite o Estudo de Impacto Ambiental e denegar a construción do Parque Eólico Caíño, así como a súa infraestrutura de evacuación, que afecta aos concellos de Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Sobrado, Abegondo e Guitiriz. Rego urxe paralizar todos os proxectos eólicos en tramitación e elaborar, en coordinación coa Xunta de Galiza, unha planificación eólica asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, que protexa o patrimonio natural e cultural respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal.
O proxecto eólico, que acaba de iniciar a súa tramitación, inclúe 33 aeroxeradores ademais de toda a infraestrutura de evacuación que afectaría aos concellos de Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Sobrado, Abegondo e Guitiriz. Este proxecto está promovido pola empresa Enel Green Power España S.L., a mesma que promove o megaparque eólico de Brancellao xusto ao lado. “Isto é realmente alarmante porque, de permitirse a instalación deste proxectos, estaríamos falando dun único megaproxecto” denuncia o deputado do BNG que sinala o erro de non valorarse de maneira conxunta. “Isto xera unha clara desorde e unha falta de planificación que dá como resultado a superposición de distintos proxectos de parques eólicos” acusa.
A división é, para a organización nacionalista, “intencionada e fraudulenta” por presentar estudos de impacto ambiental de maneira individual e evitar unha avaliación global do conxunto do proxecto e as garantías que se lle exixirían. “O propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ten sentenzas que recollen que a figura do parque eólico debe ser necesariamente contemplada desde unha perspectiva unitaria e que, de non facelo, quedaría desvirtuada a natureza e función deste tipo de instalacións” lembra. De facto, destaca o deputado, este proxecto incumpre a normativa galega actual por non atopar incluída esta área no Plan sectorial eólica da Galiza, fora das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADEs).
No proxecto eólico de Caíño non se respecta a distancia mínima dun quilómetro que exixe a actual normativa galega xa que a altura total dos muíños é de 200 metros- e prevense instalar a menos de 500 metros dos núcleos de poboación e, a menos distancia, de vivendas que se atopan fora dos núcleos delimitados. “Debe atenderse tamén á importante afectación que terán as estruturas de evacuación deste parque. Prevese a construción dunha Subestación Eléctrica en Seselle, que será común a varios parques da zona- Caíño, Seselle, a ampliación Seselle, Fontella, a ampliación Fontella, Feás, a ampliación Feás e Lucecú- mais que só se incorpora na avaliación ambiental deste parque” subliña o deputado.
Así mesmo, alerta de que o proxecto inclúe a construción dunha nova subestación en Abegondo, pero sinalando a súa ubicación nun lugar distinto ao elixido por outros proxectos. Opta a compañía neste caso pola situación máis próxima ao encoro de Beche. Trátase dunha elección aleatoria sen fundamento posto que non se completou a tramitación administrativa e polo tanto descoñécese polos veciños e o propio concello onde se plantexa a súa construción.
“Outro erro grave reside na inclusión no proxecto de referencias aos plans urbanísticos dalgúns dos concellos afectados que denota un claro descoñecemento da realidade urbanística dos mesmo posto que, no caso do concello de Oza-Cesuras, afírmase que ten un PXOM aprobado mais é falso: conta cun documento que ordena o territorio do antigo termo municipal de Oza (PXOM) e outro que ordena o de Cesuras (NSP)” apunta. Do mesmo xeito, faise referencia ao PXOM de Abegondo, cando este Concello non ten Plan Xeral aprobado despois de que os dous últimos fosen anulados por sentenza xudicial.
“Para proceder á autorización é preciso, ademais, ter en conta a grave afección ao patrimonio natural e cultural, así como o impacto social e económico no territorio” lembra o deputado. En canto a afectación ao medio natural, debe valorarse a súa especial incidencia sobre os cursos e as fontes de auga da zona “destacando a pouca rigorosidade nas distancias incluídas entre os aeroxeradores e o Rego de Portabenza, ou o de Ramalleira, que varían dunhas páxinas a outras do proxecto”.
Aliás, hai recursos hídricos importantes que non se recollen no EIA, como o encoro de Beche, situado a moi pouca distancia da localización proposta. “É preciso un estudo de impacto ambiental rigoroso que analice a afectación a ríos, arroios, humidais, mananciais, encoros e presas da zona afectada” reivindica Rego.
A implantación deste proxecto eólico e das súas liñas de evacuación afectará directamente a zonas ambientalmente sensíbeis que deben ser protexidas como son as reservas da biosfera das “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” e “Terras do Miño”. Ademais cruzaría o Espazo Natural de Interese Local (ENIL) en tramitación “Ribeiras do Mero- Barcés”, mentres que o humidal “As Amarelas” se vería atravesado por varias liñas, e os humidais de “A Rechabeira” e “Santa Eulalia”, así como o humidal “Braña da Palma” e o de “Veiga do Río Carballido” quedarían afectados por liñas de media tensión.
“Resulta obvio que calquera plan de recuperación ou protección para evitar unha maior degradación destas zonas pasa por impedir a construción de infraestruturas como as necesarias para un parque eólico” enfatiza o deputado nacionalista. Así mesmo, o proxecto afectaría directamente a unha zona de protección da avifauna e outra de importancia para mamíferos como son a ZIM Alto Miño e afluentes, a Fraga dás Barbudas e o Val do Cambás, ou a ZEC “Betanzos – Mandeo”, parte da rede natura 2000 e o ZEC “Encoro de Abegondo – Cecebre”, tamén Rede Natura.
A afectación do proxecto tamén incidirá sobre o patrimonio cultural nunha zona en que se documentaron numerosos exemplos de túmulos prehistóricos, varias necrópoles, ademais de castros, como é o Castro de Dordaño. “Na zona transcorren dous tramos do Camiño de Santiago: o Camiño Inglés e o Camiño Norte. Ademais, nunha contorna de 15 quilómetros das infraestruturas proxectadas atopamos importantes elementos patrimoniais como o castelo de Aranga, a igrexa de Mezonzo, a igrexa de San Nicolao de Cis, o mosteiro de Sobrado, a torre de Andavao, a torre de Mes, o Forno dos Mouros, a torre dá Preto, a torre de Figueroa ou a torre de Peto Bordel”.
Por último, existe tamén unha grave afectación, segundo afirma o propio EIA, a terreos agrícolas, por tanto as explotacións existentes na zona van ter unha severa afección á súa actividade. “Os terreos nos que se prevé a instalación deste Parque Eólico son zonas de chan rústico de protección agropecuaria e forestal e a maior parte da veciñanza desa zona viven directa ou indirectamente de sectores vinculados a esas actividades” destaca.
O Parque Eólico Caíño, conclúe Rego, así como o resto de parques eólicos que se pretenden instalar nesta mesma zona, non repercute, en absoluto, de maneira positiva na economía dos habitantes dos concellos afectados. “Non serve para o desenvolvemento socioeconómico das poboacións próximas nin xera riqueza no territorio, todo o contrario, contribúe ao abandono rural pois impide o desenvolvemento doutras iniciativas empresariais de aproveitamento agrogandeiro e forestal, sen xerar alternativas de emprego a cambio” finaliza.