O BNG vota en contra da proposta da alcaldía no pleno de organización en Oza-Cesuras
Estefanía Busto: “Máis de 101 mil euros en salarios ao ano parécenos unha cifra escandalosa para un concello que apenas sobrepasa os 5000 habitantes”.
Oza dos Ríos, 21 de xullo de 2023.- O BNG de Oza-Cesuras votou en contra da proposta da alcaldía no pleno de organización que se celebrou esta mañá. “Esta novo mandato continúa con todas as delegacións que permite a lei transferidas á Xunta de Goberno Local, co que o pleno se impide ao Pleno levar a cabo a súa función de fiscalización do labor do goberno", afirmou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello. "Non mudan as formas do goberno que vai seguir tomando as decisións importantes na Xunta de goberno local impedindo aos grupos da oposición participar e ter acceso á información destas xuntanzas”, criticou a portavoz nacionalista.
"Tamén pedimos que se modificase o día e a hora dos plenos, posto que non nos parece de recibo que se celebren os venres ás 12:00 horas, a unha hora que dificulta a asistencia das veciñas e veciños e mesmo das persoas que formamos parte da corporación. Non entendemos porque teiman en ocultarse", explicou a portavoz nacionalista. “O alcalde fala de transparencia e participación, mais cos seus feitos está demostrando unha postura moi pouco democrática", afirmou Busto
"Á vista da documentación que nos remitiron, cabe concluír que a fusión só serviu para engordar o salario do alcalde e incrementar escandalosamente o gasto político. Séguense duplicando delegacións especiais nos antigos termos municipais de Oza e Cesuras, isto é, que na práctica seguen a funcionar como dous concellos diferenciados, dez anos despois de levarse a cabo a fusión de concellos", apuntou a voceira nacionalista.
En canto ao salario do alcalde, a postura do BNG foi tamén contraria, "como xa dixemos, 52 271 euros parécenos unha cifra escandalosa para un concello que apenas sobrepasa os 5 000 habitantes, á que hai que sumarlle outras dúas dedicacións de 26 135 e 23 086 euros respectivamente, isto dá un total de 101 494 euros ao ano só en salarios” lembrou Busto. “Parécenos, cando menos, pouco ético que o alcalde xustifique estas cifras pola produtividade, cando todos os proxectos da fusión e moitos do pasado mandato están aínda por se executar: seguimos sen PXOM, biblioteca ou casa da cultura", concluíu Busto.