O BNG afirma que o tempo lle veu a dar a razón nas súas criticas á fusión de Oza e Cesuras dez anos despois

Estefanía Busto é a portavoz do BNG en Oza-Cesuras
Estefanía Busto é a portavoz do BNG en Oza-Cesuras

Pasamos de ter dúas corporacións con 11 membros cada unha a só unha con 13, o que ía supoñer un aforro en “políticos” transformouse nun gasto de 89 989 en tres salarios, isto é: 47 758 da dedicación do alcalde e dúas dedicacións máis de 23 879 e 18 352 de dúas concelleiras

O BNG afirma que o tempo lle veu a dar a razón nas súas criticas á fusión de Oza e Cesuras dez anos despois

Oza dos Ríos, 25 de marzo de 2022. O BNG afirma que o tempo lle veu dar a razón nas súas críticas á fusión de Oza e Cesuras, “fomos vendo como todas as bondades que se nos vendían non foron certas”, indicou a portavoz do BNG de Oza-Cesuras, Estefanía Busto. “Cúmprense xa dez anos do anuncio da fusión dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras e Cesuras, como BNG opuxémonos desde o inicio polas formas en que foi feito, de costas á veciñanza”, lembrou a portavoz do BNG. 

“Pasamos de ter dúas corporacións con 11 membros cada unha a só unha con 13, o que ía supoñer un aforro en “políticos” transformouse nun gasto de 89 989 en tres salarios, isto é: 47 758 da dedicación do alcalde e dúas dedicacións máis de 23 879 e 18 352 de dúas concelleiras”, explicou Busto. Desde o BNG non compartimos esta forma de facer política, “o concello non é unha axencia de colocación para que traballen os concelleiros e concelleiras do goberno. Se temos necesidade de persoal teremos que contratar empregadas públicas a través procesos selectivos xustos, pero non se pode basear a política de persoal en contratar aos concelleiros e concelleiras”, criticou a nacionalista.

“Por outra banda, na proposta que nos fixeron chegar non se especifica cales serán as áreas de traballo e responsabilidades que xustifiquen esta dedicación, o único que di a proposta é que “resulta de interese para o concello”, mais non hai ningún informe que o avale”, indicou a portavoz do BNG.  “É o mundo ao revés, primeiro propoñen a dedicación e despois xa mirarán de dotala de contido. O alcalde gábase da produtividade e boa xestión do seu equipo de goberno cando todos os proxectos da fusión están por se executar ou o Sanatorio caendo”, engadiu Estefanía Busto. 

Xestión urbanística e novo PXOM

“A unificación do PXOM de Oza dos Ríos e as normas subsidiarias de Cesuras foi unha das condicións da fusión pola que tivemos que agardar dez anos. O pasado mes de febreiro, sen informarnos e tras preguntar polo PXOM nos últimos plenos, enterámonos pola prensa de que xa está elaborado o documento de inicio e que se enviou á Xunta para a súa exposición pública; tres anos despois do prazo inicial”, explicou a portavoz nacionalista

Desde o BNG afirman que este documento vén confirmar o que xa advertiron no seu momento, “a fusión dos concellos non implicou un incremento da poboación, ao contrario do que afirmou o PP no documento xustificativo e agora vémolo claramente reflectido no PXOM, no que recoñece que non se vai producir un aumento da poboación e o incremento da vivenda será mínimo”.  

“Ademais, e debido á fusión, vaise potenciar o crecemento só no núcleo urbano de Oza e na zona norte do Concello, que propoñen que sexa o único núcleo en detrimento do núcleo de Cesuras, segundo afirma o propio documento de inicio”, indicou Estefanía Busto. “Este deseño prexudica claramente á veciñanza de Cesuras que se vai ter que desprazar a Oza para ter acceso aos servizos nun concello que carece de transporte público que facilite a mobilidade da veciñanza, como tamén advertimos no seu momento desde o BNG”, concluíu.

 

O BNG afirma que o tempo lle veu a dar a razón nas súas criticas á fusión de Oza e Cesuras dez anos despois