Esiximos actuacións decididas á Xunta e ao gobernos locais para rematar cos vertidos aos rios da comarca
Desde o BNG esixiron medidas concretas para evitar estes vertidos aos nosos ríos, algúns deles desde a propia rede de sumidoiros dos concellos ou das depuradoras, e que se faga información pública dos resultados das analíticas e das investigacións
Betanzos, 5 de marzo de 2020. O BNG esixiu actuacións decididas á Xunta e ao gobernos locais para rematar cos vertidos aos rios da comarca, que se veñen producindo de maneira habitual. “Esta semana tivemos noticia de dous novos vertidos, un no río Mendo e outro no Callou. Estes vertidos vanse convertendo en habituais e que se producen cada poucos meses nos ríos da nosa comarca. A pesar das nosas reiteradas denuncias tanto nos Plenos municipais como na Xunta nunca sabemos en que rematan os resultados das investigacións e estes episodios séguense a producir con total impunidade”, explicou a responsábel comarcal do BNG e candidata ao Parlamento galego, Cristina López.
Desde o BNG esixiron medidas concretas para evitar estes vertidos aos nosos ríos, algúns deles desde a propia rede de sumidoiros dos concellos ou das depuradoras, e que se faga información pública dos resultados das analíticas e das investigacións. “Vemos un total desinterese por parte da área de medio ambiente da Xunta de Galiza e unha completa desinformación sobre estes vertidos e as súas consecuencias sobre a calidade da auga dos ríos e a ría”, explicou a nacionalista.
“O Concello de Betanzos ten ademais a súa captación de auga para o consumo humano no Río Mendo, cos riscos que estes continuos vertidos supoñen. Hai unhas semanas desde o BNG, a través de Mini Rivas, denunciamos vertidos ao Mandeo en Sobrado, é unha falta de atención e escurantismo en todos os temas relacionados cos vertidos aos ríos na nosa comarca a pesar de tratarse de Rede Natura e encontrarse dentro da Reserva da Biosfera”, engadiu López.
O BNG comprométese a actuar decididamente no saneamento e rexeneración da Ría de Betanzos
Os nacionalistas comprométense a constituír unha mesa da Ría na que estean representados todos os grupos políticos, concellos e grupos ecoloxistas da comarca, no que se traten os problemas de vertidos e falta de saneamento e se estableza un cronograma para poñerlles solución. “Desde o BNG comprometémonos tamén a reservar por fin orzamento para solucionar os problemas de saneamento, nomeadamente no Concello de Paderne que carece de ningún sistema de depuración e está vertendo directamente á Ría”, concluíu Cristina López.