Mini traslada ao Parlamento a situación da empresa EMESA e pide á Xunta que se implique nunha solución
Lembra que os novos propietarios recibiron cuantiosas axudas públicas tras unha operación que considera “un pelotazo de libro”
O BNG, a través do deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, trasladou ao Parlamento a situación de EMESA para reclamar ao Goberno da Xunta que tome cartas no asunto para salvagardar os dereitos dos e das traballadoras nunha empresa que nos últimos anos ten recibido catro millóns de euros en axudas públicas, tras ser vendida ao grupo Soil Recorvery, cuxa forma de actuar é moi similar aos dun fondo voitre.
Rivas explicou que EMESA, afincada en Coirós, é un novo exemplo de empresa con solvencia nos seus traballos, con carteira de pedidos e con traballadores e traballadoras con alta especialización, que ten no seu historial obras de gran envergadura como a Ponte de Rande, a Torre Picaso ou a estación intermodal de Liexa.
Segundo relatou o deputado, a empresa foi pasando por diferente propietarios chegando a ter 300 efectivos, “até que despois de soportar o embate da crise e da reconversión quedou reducida a 70 empregos persoas tras ser vendida fai catro anos ao grupo Soil Recorvery”.
Os novos propietarios “prometeron o ouro e o mouro coo que ía dar traballo a 200 persoas despois de comprar por 15 M€, cinco ao contado e o resto a dez anos, usando ademais un truco moi chusco: os anteriores propietarios de EMESA piden un crédito de cinco millóns de euros a un banco e préstanllos a quen os vai comprar Soil Recorvery que paga o primeiro prazo de compra con ese préstamo”, explicou Rivas.
De feito, -denunciou-, “esta práctica foi bautizada polo administrador concursal como compra apalancada, co diñeiro da antiga EMESA, cos traballadores sen cobrar, fixéronse préstamos a outras empresas do grupo”.
Pese a falta de transparencia na xestión Soil Recorvery recibiu do IGAPE 500.000 € que se suman as subvención doutras entidades públicas até acadar catro millóns de euros, “supostamente para mellorar a factoría, melloras e inversións que nunca foron feitas”, denunciou o deputado, que cualificou toda a operación como “un pelotazo de libro”.
Rivas lamentou o “desprezo” amosado cos traballadores e traballadoras así como cos seus representantes ao amparo das contrarreformas laborais do PP, e iso pese a que se acumulan as sentenzas favorables ao persoal, indicou, tras denunciar “a sospeita de que o grupo Soil Recorvery que debe xa 18 M€ vai esnaquizar a empresa para sacarlle o máximo beneficio na operación, despois de que en tan só catro anos facturase máis de 30 M€, deixara débedas con provedores e recibise catro millóns de euros en axudas públicas”, concluíu.