O BNG pide 6 millóns de euros para rematar o saneamento na Ría de Betanzos nas súas emendas aos orzamentos da Xunta
Mercedes Queixas: “A Ría de Betanzos leva anos agardando polo seu saneamento integral. A pesar de que a ría é Rede Natura 2000 e que se encontra en plena Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, os vertidos seguen a producirse continuamente sen ningunha consecuencia”
Nas súas emendas o BNG inclúe unha petición de 2 millóns de euros para a rehabilitación do Parque histórico do Pasatempo que leva pechado desde outubro de 2018
Tamén pediron que se reserve orzamento para a limpeza e posta en valor do parque arqueolóxico do monte do Gato
Betanzos, 20 de novembro de 2022.- O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para 2022 para os concellos das Mariñas, nas que piden 6 millóns de euros para rematar o saneamento e depuración na Ría de Betanzos. “A Ría de Betanzos leva anos agardando polo seu saneamento integral. A pesar de que a ría é Rede Natura 2000 e que se encontra en plena Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, os vertidos seguen a producirse continuamente sen ningunha consecuencia”, explicou a deputada nacionalista, Mercedes Queixas.
“A propia Xunta de Galiza recoñece que ten puntos de verquido localizados nesta ria en diferentes concellos como Miño, Betanzos ou Bergondo. Tamén recoñece o incorrecto funcionamento das depuradoras existentes, a inexistencia de separación de pluviais e fecais, así como a carencia de tanques de tormentas que provoca problemas nas redes de saneamento nas épocas de choiva. Cómpre salientar o deficiente saneamento de concellos como o de Paderne, que carecen de sistema de depuración propio, xa que só contan con decantadoras”, engadiu.
“Na Ría de Betanzos existe actividade extractiva de marisqueo con catro polígonos, explotados pola Confraría de Miño. O orzamento da Xunta para o vindeiro ano non recolle a mellora de saneamento en Paderne, a pesar de que os 140.515 euros do orzamento de 2022 non se chegaron a executar, tampoco se recollen cantidades para melloras do saneamento no resto de concellos que baña a Ría de Betanzos”, explicou Queixas.
Posta en valor do patrimonio cultural
Nas súas emendas o BNG inclúe unha petición de 2 millóns de euros para a rehabilitación do Parque histórico do Pasatempo que leva pechado desde outubro de 2018. “Está en redacción o plan reitor contratado pola Xunta, aínda que fixeron unha presentación pública en Betanzos o que se presentou foron as liñas de traballo pero non o plan en si que está sen rematar”, indicou Queixas. “Hai uns meses aprobouse no Pleno municipal unha cesión temporal á Xunta para que poida encargarse da rehabilitación. Aparece na memoria do orzamento como parte do investimento no Camiño Inglés pero o PP non compromete unha partida concreta”, explicou.
Tamén pediron que se reserve orzamento para a limpeza e posta en valor do parque arqueolóxico do monte do Gato, que inclúa a necrópole megalítica e o conxunto suevo da torre de Teodomiro, entre os concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Coirós. “Trátase dun patrimonio ameazado polos proxectos de parques eólicos e pola eucaliptización que merece que o goberno galego actúe con contundencia para defender”, explicou Queixas.
O BNG pediu tamén que se reserve crédito para a rehabilitación de vivendas no Casco Histórico de Betanzos. “O patrimonio é a oportunidade de futuro de Betanzos e polo tanto o goberno da Xunta ten que facer un esforzo por colaborar en poñelo en valor e mantelo en condicións”, explicou Queixas.
Rehabilitación e posta en funcionamento de centro de transformación agropecuaria e viveiro de empresas no antigo edificio do LIGAL en Bos (Bergondo)
Os nacionalistas pediron tamén que se inclúa nos orzamentos un investimento para rehabilitación do edificio do antigo LIGAL en Bos en Bergondo para convertelo nun centro de transformación agropecuaria “para os pequenos produtores da nosa comarca”, indicou a deputada do BNG.
Centro de día e xeriátrico público
Desde o BNG esixiron que se cree na comarca das Mariñas un centro de día público no edificio do antigo ambulatorio en Betanzos e un xeriátrico tal e como se comprometerá no proxecto da fusión de concellos, no antigo sanatorio en Cesuras. “A comarca das Mariñas ten unha total carencia de prazas públicas tanto de xeriatría como de centro de día, desde o BNG levamos anos reclamando estes servizos públicos”, concluíu a deputada nacionalista.