O BNG cualificou de escasos e rutineiros os orzamentos da Xunta para a comarca das Mariñas
O BNG cualificou de escasos e rutineiros os orzamentos da Xunta para a comarca das Mariñas
“Non vemos nos orzamentos as cantidades que compromete o PP, a realidade das partidas di outra cousa. O único investimento que aparece como tal en Betanzos son 575.926 euros para a obra do subministro da auga, que hai anos que tiña que estar rematada”
O BNG lamentou que os orzamentos da Xunta "adíen un ano máis a solución ao grave problema de contaminación que padece a ría de Betanzos
“Este ano tampouco hai fondos para construír un centro de día público na localidade nin xeriátrico nunha comarca que carece dunha soa praza de xeriátrico pública”
Betanzos, 21 de outubro de 2022.- O BNG cualificou de escasos e rutineiros os orzamentos da Xunta para a comarca das Mariñas. “Estes orzamentos non dan resposta aos problemas históricos da nosa comarca e non vemos que supoñan un avance para Betanzos e a comarca”. “Puro continuísmo que anula calquera posibilidade de reactivar unha comarca altamente produtiva como esta. Non hai ningún proxecto propio dun goberno galego incapaz de xerar ilusión na veciñanza”, criticou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
Falta de orzamento para o saneamento integral da Ría de Betanzos
O BNG lamentou que os orzamentos da Xunta "adíen un ano máis a solución ao grave problema de contaminación que padece a ría de Betanzos". “As pequeñas partidas de investimento en saneamento en Irixoa e Coirós, obras que ademais debían estar xa rematadas o pasado ano non vemos que sexan nin de lonxe o investimento que a Ría de Betanzos precisa. Non aparece partida reservada para a, tan demandada, depuradora en Paderne, despois de que o que se recollía o pasado ano non se executara”, indicou a responsábel do BNG.
Sen fondos para o centro de día ou para o Vales Villamarín
Neste sentido, desde o BNG lamentan que “este ano tampouco hai fondos para construír un centro de día público na localidade nin xeriátrico nunha comarca que carece dunha soa praza de xeriátrico pública”. “Feijóo prometera un centro de día público en cada concello de máis de 5000 habitantes e Betanzos segue esperando 15 anos despois”, advirte a portavoz do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez. O BNG sempre defendeu que Xunta, Estado e Concello se puxeran de acordo para rehabilitar o vello ambulatorio como centro de día público.
Desde o BNG cuestionan que tampouco haxa cartos para rematar a reforma integral que precisa o CEIP Vales Villamarín, nin para a reforma do comedor, ou para converter o aulario do Pasatempo nun centro de educación infantil independente. "Estes servizos son esenciais para manter poboación nunha comarca como a nosa e mitigar as diferenzas de renda", advirte.
Sen partida concreta para a rehabilitación do Pasatempo
“A memoria recolle a rehabilitación do Parque do Pasatempo dentro do 1,5 millóns para melloras no camiño inglés pero non vemos partida concreta para esta obra”, indicou Sánchez. “Non vemos nos orzamentos as cantidades que compromete o PP, a realidade das partidas di outra cousa. O único investimento que aparece como tal en Betanzos son 575.926 euros para a obra do subministro da auga, que hai anos que tiña que estar rematada”, concluíu Sánchez.