O BNG celebrou en Betanzos o seu 40 aniversario cunha homenaxe a militancia histórica da comarca
No acto participou a voceira do BNG betanceiro, Amelia Sánchez, o militante histórico e primeiro concelleiro nacionalista en Betanzos, Andrés Otero e o presidente da Fundación Galiza Sempre e membro da Executiva Nacional do BNG, Rubén Cela
Betanzos, 22 de outubro de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego celebrou en Betanzos o seu 40 aniversario nun acto reivindicativo e conmemorativo, no que tamén, se presentou o libro editado pola Fundación Galiza Sempre “40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022”.
No acto participou a voceira do BNG betanceiro, Amelia Sánchez, o militante histórico e primeiro concelleiro nacionalista en Betanzos, Andrés Otero e o presidente da Fundación Galiza Sempre e membro da Executiva Nacional do BNG, Rubén Cela.
O acto, celebrado no Antigo Matadoiro de Betanzos, destacou polo recoñecemento á militancia histórica do BNG na comarca das Mariñas, a quen se lles rendeu homenaxe por todos estes anos de loita, coherencia e defensa dos intereses e dereitos do pobo galego.
Entre eles, destaca a intervención de Andrés Otero, o que destacou “temos demostrado que o nacionalismo é un proceso sólido e necesario para crear unha sociedade diferente. Unha sociedade máis xusta socialmente, baseada no respecto polo patrimonio histórico, cultural e medioambiental, asentada nas nosas raíces, mais tamén moderna.”
“Para o BNG o cambio debe comezar desde os concellos. Os concellos son as raíces con que se vencella a árbore do nacionalismo no territorio. Neste sentido, no BNG de Betanzos queremos un Betanzos moderno e con futuro”, explicou Amelia Sánchez, portavoz do BNG de Betanzos.
Nesa traxectoria de compromiso con Galiza é precisamente a que recolle a edición da libro 40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022, elaborada polo politólogo Manuel Anxo Fernández Baz e editado pola Fundación Galiza Sempre.
Esta publicación sintetiza, ano a ano, a historia do Bloque Nacionalista Galego, os principais feitos políticos acontecidos no País e as actuacións chave desenvolvidas polo nacionalismo galego ao longo destas catro últimas décadas, e ademais, incorpora unhas 400 fotografías, moitas delas inéditas.