O BNG amosou a súa preocupación diante do anuncio do novo proxecto Ministerio de Transportes que afectaría as Marismas do Baxoi
Alberte G. Nicolás: “Parécenos moi preocupante o anuncio do goberno do estado do PSOE de construír unha rotonda e un carril de conexión coa N-651 enriba dun espazo natural que hai anos que debera estar protexido”
Miño, 20 de outubro de 2022.- O BNG amosou a súa preocupación diante do anuncio do Ministerio de Transportes dunha nova rotonda e un carril de conexión coa N-651 pola súa afectación ás Marismas do Baxoi. “Parécenos moi preocupante o anuncio do goberno do estado do PSOE de construír enriba dun espazo natural que hai anos que debera estar protexido”, explicou o portavoz do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás.
Desde o BNG pediron que se estuden outras solucións aos graves problemas de mobilidade que a saída da autoestrada na praia provoca no concello de Miño, que non poden pasar por un prexuízo a un espazo natural de gran importancia como son as Marismas do Baxoi.
O BNG pediu ao PSOE que se coordine e decida cal é o seu plan para o futuro das Marismas, despois de que hai menos dunha semana anunciaran un plan de eliminación e unha senda peonil, que xa nos causa preocupación polo seu impacto, días máis tardes anuncian estradas e rotondas. “O goberno local ten que actuar xa para garantir a protección deste espazo natural, avanzar na tramitación do ENIL e contratar o informe que permita a súa inclusión na Rede Natura 2000”, concluíu o portavoz nacionalista.