O BNG presentou alegacións ao proxecto de urbanización de Monte Piñeiro
Desde o BNG afirman que non é necesario urbanizar ese espazo, primeiro porque o concello de Miño non precisa máis vivenda e aínda que así fose Monte Piñeiro non é a zona adecuada para urbanizar pola súa proximidade a costa e a Marisma e o impacto que vai ter sobre estes espazos naturais
O BNG propuxo ao goberno que negocie coas empresas promotoras unha permuta dos terreos en Monte Piñeiro por outros urbanos sen executar no concello
Miño, 1 de xullo de 2022.- O BNG presentou alegacións ao proxecto de urbanización de Monte Piñeiro. “A proposta de modificación puntual do PXOM para o sector de solo urbanizábel R-3, Monte Piñeiro, supón a previsión de construción de 21 bloques de vivenda de baixo, 2 alturas e baixo cuberta e a maiores 50 vivendas unifamiliares, un total de 300 novas vivendas. Sen embargo en ningunha parte do proxecto ou do estudo de impacto do mesmo se xustifica a necesidade de construción desta nova vivenda nin a falta de terreo urbano para nova construción en caso de que a nova vivenda fose necesaria. O que si que recolle o proxecto é unha xeración de oportunidade de negocio no sector inmobiliario e turístico, deixando a porta aberta tanto a especulación urbanística como ao aumento da bolsa de aluguer de vivenda vacacional”, explicou Alberte G. Nicolás, voceiro do BNG de Miño.
“Segundo os últimos datos sobre vivenda baleira do estudo de infraestruturas da Deputación, Miño era o concello da comarca e da área da Coruña cunha maior porcentaxe de vivenda baleira. Concretamente no ano 2018, Miño tiña un 27,48% de vivenda desocupada, é dicir máis de unha de cada 4 vivendas en Miño estaban baleiras, un total de 1474 vivendas. Isto sen contar as bolsas de solo urbano, por exemplo na urbanización Costa Miño Golf, que están sen executar despois de que esta urbanización pasara anos paralizada debido ao estoupido da burbulla inmobiliaria e a situación da empresa promotora ou a media ducia de edificios aínda sen rematar na propia localidade de Miño”, engadiu o voceiro nacionalista.
Preservar os valores ambientais da Marisma do Baxoi
“O lugar onde se proxecta esta urbanización limita coa praia grande coas Marismas do Río Baxoi, espazo natural en que segundo afirma o propio proxecto se está tramitando un ENIL. Este espazo estaba incluído nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 tanto de 2008 como de 2012, que non se chegaron a aprobar polo seu alto valor como ecosistema costeiro”, indicou Alberte G. Nicolás.
“Ademais este proxecto está a menos de 500 metros da costa, nunha zona próxima á duna onde segundo anunciou costas se vai levar a cabo un proxecto de rexeneración. A construción de 300 vivendas máis as vías de comunicación vai ter un alto impacto nesta zona de grande valor ambiental”, informou o nacionalista.
Permuta por outras parcelas urbanas
O BNG propuxo ao goberno que negocie coas empresas promotoras unha permuta dos terreos en Monte Piñeiro por outros urbanos sen executar no concello. “Para evitar a posibilidade dunha demanda das promotoras e preservar o espazo natural das Marismas do Baxoi pensamos que a saída máis lóxica sería intentar permutar estas parcelas por outras xa urbanas sen executar aínda, por exemplo en Costa Miño. Deste xeito poderíamos recuperar o espazo natural de Monte Piñeiro para uso público, engadiu Alberte G. Nicolás.
Desde o BNG afirman que non é necesario urbanizar ese espazo, primeiro porque o concello de Miño non precisa máis vivenda e aínda que así fose Monte Piñeiro non é a zona adecuada para urbanizar pola súa proximidade a costa e a Marisma e o impacto que vai ter sobre estes espazos naturais.
“O urbanismo ten que estar ao servizo da veciñanza, da maioría e non das empresas promotoras. “Débese polo tanto garantir a función social da vivenda e o dereito a acceder a esta, velar polo acceso á vivenda da súa veciñanza e adaptar o crecemento urbanístico as previsións reais de poboación. En lugar de seguir desenvolvendo solo urbano a partir dun PXOM, do ano 2002, obsoleto que promoveu un urbanismo que favoreceu a especulación e cunhas consecuencias terríbeis para o concello de Miño, pedimos que se traballe na elaboración dun novo PXOM que regule correctamente os diferentes usos do solo, e que promova un urbanismo sustentábel e adaptado a realidade de Miño e a nosa comarca”, concluíu Alberte G. Nicolás.