O BNG propón incluír as marismas do río Baxoi na Rede Natura 2000 e o PP veta a proposta
Mercedes Queixas lamentou que o voto en contra do PP e a abstención do PSOE impediran unha completa protección dos valores ambientais, paisaxísticos e ecosistémicos da zona
Santiago de Compostela, 9 de Xuño, 2022.- A parlamentaria do BNG, Mercedes Queixas defendeu na comisión de Medio Ambiente unha Proposición non de Lei co fin de iniciar os trámites para incluír na Rede Natura 2000 as marismas da desembocadura do río Baxoi dentro da Ría de Betanzos, proposta que foi rexeitada polo Partido popular e a abstención do PSOE.
Tras a intervención dos portavoces do PP e PSOE, a parlamentaria nacionalista criticou o traballo político do Partido Popular para acadar máis “cotas de poder” mentres que o Bloque, dixo “traballa polas necesidade de Galiza”. Hoxe, afirmou, acabamos de constatar nesta comisión como o PP se conforma con sacrificar un territorio de grande valor medioambiental e bota a culpa ao PSOE e, pola súa parte, os socialistas bótanlle a culpa ao Partido Popular, a través dunha “escenificación” na que Galiza sempre sae perdendo. Nesta ocasión, perdemos parte do espazo de biodiversidade natural e dende o BNG o que propoñemos é “evitar os erros do pasado” para non seguir incidindo nas agresión medioambientais.
Mercedes Queixas acusou a PP e PSOE de ampararse nas infraestruturas como a anunciada por “aquela conselleira que agora está nun consello de Administración da patronal eólica”, en alusión á Beatriz Mato e centrou o discurso en dúas vertentes: “protexer e ordenar o territorio salvando o medio ambiente ou permitir a agresión medioambiental”. O BNG, recalcou, “sempre estará na defensa do territorio e do medio ambiente”.
Por outro lado lembrou que, a día de hoxe, aínda non foi remitida a documentación solicitada polo BNG ao concello gobernado polo PSOE, dirixíndose ao deputado socialista Arangüena Fernández. Para a nacionalista, o concello de Miño non está a facer “un uso responsable das súas competencias” dende o ano 2017 e tras unha aprobación “unánime” en pleno sobre o que “nada se fixo”. Nesta deixación de función tamén sumou á Xunta coa súa negativa a ampliar a Rede Natura 2000. A estas alturas, explicou, descoñecemos porque se negan a responder sobre as razóns reais para non ampliar a Rede Natura 2000, sabendo que representa “o máximo escudo protector do noso territorio e medio ambiente”.
A xuízo da nacionalista, o Partido Popular persiste en tolerar “a agresión con menos protección, menos recursos, menos riqueza natural” e en resumo, “menos país”.
Dende o BNG non imos permitir esta política de desprotección de aí, o noso interese por defender as marismas que nas últimas décadas foron sometidas a unha “importante degradación ambiental por mor das comunicacións e unha urbanización dispersa”.
Non estamos ante unha discusión terminolóxica ou un debate de argumentario administrativo. Estamos, dixo, “ante unha nova oportunidade de protexer o medio ambiente e rectificar a historia en Miño, un concello caracterizado pola mala praxe en materia urbanística que acabou hipotecando o concello” e o PP continua coa súa folla de ruta “Galiza en pequeno e cara atrás”, concluíu.