O BNG de Miño elixe a Alberte G. Nicolás como novo responsábel local
“Asumimos o reto de seguir alargando a base social do BNG, porque no BNG temos un proxecto político alternativo para Miño”
Miño, 8 de abril de 2022.- O BNG de Miño elixe a Alberte G. Nicolás como novo responsábel local. A fronte nacionalista renova o seu Responsábel Local co reto de seguir alargando a base social cara as próximas eleccións municipais de 2023, que encaran co obxectivo de se converter nunha forza determinante.
“Asumimos o reto de seguir alargando a base social do BNG, o reto de achegar o proxecto político da nosa organización e conseguir que nas próximas eleccións municipais de 2023 vexamos reflectido ese traballo en número de votos e acadar representación no Concello de Miño”, salientou Alberte G. Nicolás.
O novo responsábel da fronte nacionalista en Miño fixou como obxectivo reforzar o contacto a pé de rúa coa veciñanza e os movementos sociais para escoitar as súas demandas e trasladar as propostas do BNG.
Alberte G. Nicolás arranca este novo período con “moita ilusión e co convencemento de ter un grupo renovado con xente nova e que disposta a traballar para mellorar a vida da veciñanza de Miño” e resaltou “o traballo de toda a militancia e das persoas simpatizantes, porque a forza do BNG está na implicación e no traballo de todas as persoas que formamos parte desta organización”.
“Hoxe somos unha organización local máis unida, máis forte, e cun BNG preparado para traballar en construír unha alternativa política e de goberno tanto en Miño como no País”, asegurou.