O BNG anunciou que presentará unha iniciativa no Parlamento para que se inclúan as Marismas do Baxoi na Rede Natura

Marismas do Baxoi
Marismas do Baxoi

“Na actualidade as Marismas do Baxoi carecen de ningunha figura de protección a pesar dos múltiples anuncios sobre este tema”

As nacionalistas pedirán tamén ao concello de Miño que inste á Xunta a protexer este espazo natural

O BNG anunciou que presentará unha iniciativa no Parlamento para que se inclúan as Marismas do Baxoi na Rede Natura

Miño, 29 de marzo de 2022.- O BNG anunciou que presentará unha iniciativa no Parlamento para que se inclúan as Marismas do Baxoi na Rede Natura. “As Marismas do Baxoi estaban incluídas nas propostas de ampliación da Rede Natura tanto de 2008 como de 2012 que o goberno galego nunca chegou a aprobar e no anterior mandato o goberno local anunciou que ía presentar un proxecto para establecer un ENIL do que tampouco volvemos a saber nada”, explicaron desde o BNG de Miño. “Na actualidade as Marismas do Baxoi carecen de  ningunha figura de protección a pesar dos múltiples anuncios sobre este tema”, engadiron. 

Desde o BNG anunciaron unha iniciativa parlamentar para esixir a ampliación da Rede Natura, paralizada desde o ano 2000 e mentres que se protexa de forma cautelar este espazo natural. “Esta protección garantiría a conservación deste espazo natural que hai anos que está sometido a unha importante presión urbanística pola cercanía á praia e o proxecto de urbanización en Monte Piñeiro”, indicaron. “A inclusión das marismas do Baxoi na Rede Natura garantiría que este proxecto se leve a cabo dunha forma respectuosa co espazo natural”, informaron desde o BNG. 

As nacionalistas pedirán tamén ao concello de Miño que inste á Xunta a protexer este espazo natural. “As Marismas do Baxoi, na desembocadura do Río Baxoi na praia grande de Miño son máis de 93 hectáreas cun alto valor natural como ecosistema costeiro que é fundamental conservar”, concluíron. 

Rectificar a información da web do concello e da reserva da biosfera

“Tanto na páxina web do concello como na da reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo afirmase que as Marismas do Baxoi están incluídas dentro da Rede Natura 2000, cando non é certo”, explicaron desde o BNG. Por iso, desde o BNG pedirán ao concello de Miño que rectifique esta información na súa páxina web e que pida á reserva da Biosfera que tamén rectifique para que a veciñanza sexa consciente da situación de falta de protección en que se atopa este espazo natural. 

O BNG anunciou que presentará unha iniciativa no Parlamento para que se inclúan as Marismas do Baxoi na Rede Natura