O BNG denunciou en Miño a situación do transporte público e a redución de frecuencias de autobús
“No caso de concellos como Miño a isto hai que sumar unha redución nos servizos ferroviarios que se produciu coa escusa da pandemia e que nunca se repuxo. A situación do transporte público afecta especialmente ao estudantado e colectivos máis febles, mulleres e persoas migrantes”
Miño, 22 de xaneiro de 2022.- O deputado do BNG Paulo Ríos e a deputada Mercedes Queixas xunto coa responsábel comarcal do BNG Cristina López visitaron esta mañá Miño para denunciar a situación do transporte público neste concello e explicar as iniciativas que o grupo nacionalista ten presentado no Parlamento para esixir do goberno galego solución aos problemas que veñen sufrindo as persoas usuarias.
O BNG lembrou que presentou unha iniciativa no Parlamento a pasada semana despois de que se fixera pública a supresión de liñas por estrada entre A Coruña e Ferrol que afectou a persoas usuarias de Miño ou Betanzos. “A pesar dos anuncios da consellería de que vai repoñer a liña por estrada das 15:09 h da tarde como reclamamos na nosa iniciativa, isto non soluciona todos os problemas que provocaron os recortes da Xunta no transporte público na liña entre A Coruña e Ferrol, como a conexión para traballadores e usuarios do CHUAC a primeira hora da mañá”, explicou o deputado do BNG, Paulo Ríos.
“Ademais dos recortes continuos de frecuencias e modificacións nas liñas hai un problema de información ás persoas usuarias que levamos denunciando desde hai un ano que se produciron os cambios nos contratos das concesionarias. A páxina web de referencia para a información sobre o servizo de autobús en Galiza, bus.gal, recolle unha información de horarios e frecuencias non se corresponde coa información que hai nas propias paradas de autobús, o que provoca confusión e na practica está dificultando o uso deste servizo”, engadiu Ríos.
“No caso de concellos como Miño a isto hai que sumar unha redución nos servizos ferroviarios que se produciu coa escusa da pandemia e que nunca se repuxo. A situación do transporte público afecta especialmente ao estudantado e colectivos máis febles, mulleres e persoas migrantes”, indicou Mercedes Queixas.
O BNG esixirá de novo á Xunta de Galiza que atenda as demandas das persoas afectadas pola redución de frecuencias e horarios das liñas de autobús e a ofrecer a información correcta a través da páxina bus.gal e nas paradas dos buses dos horarios, frecuencias e paradas destes servizos.