O BNG leva ao Parlamento galego o proxecto da Xunta ao respecto dos cambios no IES Fragas do Eume e Breamo
Demanda que se concreten as medidas ao respecto das ratios, instalacións, dotacións e persoal
Miño, 20 de abril 2021.- O BNG acaba de presentar iniciativas no Parlamento Galego ao respecto da decisión da Consellaría de Educación de converter o IES Fraga do Eume nun centro integrado de FP –segundo o informado pola devandita Consellaría, aumentando a oferta formativa en 80 prazas- está a xerar numerosas críticas no seo da comunidade escolar e, en xeral, da cidadanía afectada. Con esa finalidade, trataríase de trasladar 150 rapazas e rapaces do IES Fraga do Eume, dos concellos de Miño, Pontedeume e Cabanas, ao IES de Breamo –que conta na actualidade con 350 alumnas e alumnos; co que se produciría un aumento ao redor do 43% máis do alumnado.
Alén da afección aos dous devanditos centros, a medida tería tamén impacto nos centros adscritos públicos, a saber: CEIP Andrade, CEIP Eladia Mariño (Cabanas) CEIP Couceiro e CPI Castro Baxoi (ubicado en Miño que trocou hai anos a adscrición para o bacharelato de Betanzos a o IES Breamo); así como tamén os concertados da Grande Obra de Atocha e Luis Vives. E chama a atención que cando nalgunhas poboacións –coma o caso de Miño- estase a denunciar masificación –e reclamar a construción dun novo centro de secundaria, se opte por suprimir outro do mesmo nivel.
O deputado do BNG, Ramón Fernández declara ao respecto que “a decisión da Consellaría estase a proxecta con total opacidade, toda vez que se prescindiu do necesario diálogo coa comunidade educativa, carecendo ademais dun proxecto concreto axustado á realidade na que se vai implementar e, por suposto, recursos para levalo a cabo. Todo isto, fomentando dúbidas e preocupación nas 500 alumnas e alumnos e das súas familias, privadas da necesaria información”
Polo que respecta ao feito de que esta medida conleve o incremento do 43% do alumnado do IES Breamo, “Mon” Fernández foi moi crítico ao afirmar que “non cabe pensar que unha medida dese calibre poida levarse a cabo sen ampliar instalacións, redeseñar espazos e reforzar o cadro de persoal en todos os ámbitos. De feito, segundo datos aportados por persoas da comunidade educativas, só en aulas precisaría 6 máis, sen ter en conta os desdobres que están a facer en ambos centros e, a maiores, precisarían máis aulas TIC, laboratorios, biblioteca, taller de tecnoloxía, dotacións deportivas, servizos hixiénicos, espazos exteriores, ...”.A conclusión é que as instalacións actuais do Breamo resultan claramente insuficientes para acoller debidamente ao alumnado do Fraga do Eume.
Outro dos aspectos que se abordan na iniciativa ten a ver coa carencia de aulas e espazos suficientes derivará nun aumento de ratios; que, segundo o deputado nacionalista “colisiona totalmente coa práctica que nos últimos anos estivo a facerse nos dous centros –Fraga do Eume e Breamo- no sentido de facer desdobres necesarios para obter a calidade educativa actual” concluíndo ao respecto que a pretensión da Consellaría derivará “en aumento de ratios e dificultade para os desdobres, menos atención individualizada e atención á diversidade. posibilitará a atención individualizada e dificultará a atención á diversidade. E, por se non fose abondo, cómpre lembrar que estamos nunha situación de pandemia, onde as condicións do aire –boa ventilación e non masificación- son unha clave fundamental para desenvolver a actividade nos centros educativos”. Finalmente, o BNG fai mención aos máis que previsíbeis prexuízos que estes cambios e incertezas van actuar negativamente na estabilidade emocional do alumnado, xa afectada pola devandita pandemia.