O BNG de Miño pide información ao goberno municipal sobre a situación do IES Fraga do Eume
A Consellería de Educación prevé transformar este IES nun Centro Integrado de FP
“Esta decisión leva aparellado o traslado de 150 alumn@s para o IES de Breamo, entre eles o alumnado do concello de Miño que vai ao instituto a Pontedeume”
Miño, 18 de maio de 2021. O BNG de Miño pediu información ao goberno local en relación coa consecuencias da decisión da Consellería de Educación da Xunta de Galiza, de transformar o IES Fraga do Eume nun Centro integrado de FP. “Esta decisión leva aparellado o traslado de 150 alumn@s para o IES de Breamo, entre eles o alumnado do concello de Miño que vai ao instituto a Pontedeume”, explicou o portavoz do BNG de Miño, Henrique Abraira. “Unha parte de alumnado sobre todo o do centro de Andrade vai rematar o ensino secundario o centro o IES Fraga do Eume, e polo tanto esta decisión aféctanos directamente”.
“Tamén demandaremos do goberno local de Miño que se interesen e demanden da consellaría de educación que garanta as aulas e os existencia de espazos suficientes para seguir cumprindo coas ratios e as separacións entre alumn@s para cumprir coas normas COVID, así como que se manteña a calidade do ensino”, engadiu o portavoz nacionalista.
“Vemos con preocupación esta decisión porque nos tememos que repercuta unha vez mais no deterioro da calidade de ensino, xa que suporía un aumento dun 40% do alumnado con respecto ao existente no IES Breamo, ademais de levar a cabo esta medida dunha maneira tan rápida e sen saber aínda que espazos serán empregados e como será a reubicación do alumnado”, declarou Henrique Abraira portavoz do BNG de Miño.
“Pola nosa parte entendemos que a decisión de converter o IES Fraga do Eume nun Centro Integrado de FP de referencia no que teña a ver co profesionalismo en Hostalería e o Turismo e importante e positiva, mais non pode ser a conta de empeorar a calidade en outros niveis do ensino”, afirmou Abraira.
Desde o BNG de Miño apoiaremos todas aquelas mobilizacións e iniciativas que se leven a cabo desde a propia comunidade escolar afectada, e desenvolveremos as iniciativas institucionais precisas ao respecto de acadar toda a información que dea conta de cales van a ser as ratios nas aulas, liñas por cursos que pasarán a existir, de ser o caso, así como a atención á Pedagoxía Terapéutica ou cantas outras atencións específicas existían e daban cobertura ás necesidades do alumnado