O BNG pediu ao goberno local protección para as Marismas do Baxoi
Desde o BNG pediron información sobre o proceso para declarar ENIL as Marismas do Baxoi e en que situación se atopa
Ademais pediron tamén que o concello inste á Xunta de Galiza a dotar ás Marismas do Baxoi dunha protección cautelar mentres tramita a integración das mesmas na Rede Natura 2000
Miño, 20 de abril de 2022.- O BNG pediu ao goberno local que avance na protección das Marismas do Baxoi. “Este espazo estaba incluído nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 tanto de 2008 como de 2012 que o goberno galego nunca chegou a aprobar e, no anterior mandato, o goberno local anunciou que ía presentar un proxecto para establecer un ENIL do que tampouco coñecemos o seu estado”, explicou Alberte G. Nicolás, responsábel local do BNG.
“Desde o BNG de Miño entendemos que a inclusión deste espazo na Rede Natura garantiría a conservación dunhas marismas cun alto valor como ecosistema costeiro, o cal está sometido desde hai anos a unha importante presión urbanística pola proximidade á praia e o proxecto de urbanización en Monte Piñeiro”, engadiu . “A inclusión das Marismas do Baxoi na Rede Natura 2000 garantiría un crecemento urbanístico na nosa vila de forma integrada e respectuosa co espazo natural”, explicou Alberte G. Nicolás.
Por iso desde o BNG pediron ao goberno local información sobre o proceso para declarar ENIL as Marismas do Baxoi e en que situación se atopa. Ademais pediron que o concello inste á Xunta de Galiza a dotar ás Marismas do Baxoi dunha protección cautelar mentres tramita a integración das mesmas na Rede Natura 2000.
Información errónea na web municipal
“Na web do concello de Miño figura que as Marismas do Baxoi forman parte da Rede Natura 2000, por iso pedimos ao goberno municipal que rectifique esta información e recolla a situación real na que se atopa este espazo natural”, concluíu o responsábel nacionalista.