BNG demanda implantar o servizo de cercanías ferroviarias na comarca das Mariñas
Rego exixe ao Ministerio de Transportes modernizar a rede ferroviaria interior da Galiza, o deseño de frecuencias e horarios adaptados ás necesidades das persoas usuarias e unha política tarifaria accesíbel para garantir o uso do ferrocarril
Madrid, 9 de xullo de 2022. O Bloque Nacionalista Galego da por rematada a recollida de centos de sinaturas que levou a cabo a organización nacionalista na comarca das Mariñas para reclamar a implantación do servizo de cercanías ferroviarias que permita vertebrar o territorio e conectar as principais vilas e cidades. Demandan a modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, o deseño de frecuencias e horarios adaptados ás necesidades das persoas usuarias e unha tarifa accesíbel e competitiva, así como a restitución dos apeadeiros abandonados -Guísamo e San Pantaleón- e a apertura de novas estacións como a de Betanzos.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o voceiro do BNG en Miño, Alberte G. Nicolás, e a responsábel comarcal do BNG das Mariñas, Cristina López, e membros da organización nacionalista na localidade de Miño presentaron as centenas de sinaturas recollidas durante a campaña realizada para conseguir a mellora das infraestruturas ferroviarias. Para a organización nacionalista é preciso levar a cabo medidas urxentes que revertan a situación de déficit, deterioro e abandono das infraestruturas ferroviarias.
“Reclamamos unha mobilidade que responda ás necesidades das galegas e galegos e contribúa ao desenvolvemento do noso País cunha rede ferroviaria de calidade” explica o deputado do BNG. Néstor Rego enfatiza na necesidade urxente de conseguir que haxa unha articulación territorial por toda a Galiza, recuperando as frecuencias e horarios que existían antes da pandemia mais tamén ampliando os servizos ferroviarios. “Non abonda con estabelecer conexión con Madrid, é preciso conectar as principais cidades do País e pór en marcha un servizo de cercanías, así como crear novos apeadeiros en zonas de crecemento poboacional” destaca.
Ademais da modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, contemplando a electrificación e dupla vía, a frente nacionalista demanda a construción do bypass de Infesta para favorecer o emprego do ferrocarril e acurtar os tempos de viaxe. “Hai que restituír os apeadeiros abandonados como o de Guísamo, en Bergondo, ou o de San Pantaleón, en Paderne, así como abrir nova estacións como a de Betanzos para dar cobertura aos principais núcleos de poboación” salienta.
Paralelamente, estas accións deben de ir acompañada doutras como o deseño de frecuencias e horarios adaptados ás necesidades das usuarias, a destacar as traballadoras e estudantes, e aplicar unha política tarifaria accesíbel, competitiva e atractiva para que a cidadanía empregue máis o servizo ferroviario, en detrimento do transporte individual.
Para o deputado do BNG “é incomprensíbel” que Galiza non posúa en pleno século XXI o chamado servizo de cercanías. “Non é unha cuestión de número de usuarios pois as áreas urbanas da Galiza contan cun grande número de poboación. Non poden pretender facer pasar servizos de media distancia por servizos de proximidade é pretender tomar o pelo á xente. Todos sabemos que estes servizos deben ir acompañados traxectos específicos, frecuencias maiores e prezos adecuados. Iso é o que reclama o BNG” destaca Rego.
Miño con servizos ferroviarios
“En Miño despois da supresión de frecuencias de tren e cunhas frecuencias caóticas de autobús quedamos cun transporte público que non responde ás necesidades das nosas veciñas e veciños. Ca implantación dun servizo de cercanías poderiamos conectar o noso concello coa Coruña e Ferrol, ademais de outros concellos da nosa comarca", sinalou Alberte G. Nicolás, voceiro do BNG de Miño.
"Ademais, unha mellora do apeadeiro de Miño con aparcadoiros na contorna, podería dar tamén servizo a núcleos poboacionais doutros concellos, como o caso de Vilarmaior ou Ínsua (Paderne), unha clara aposta por un modelo de mobilidade mixto, moito máis sustentábel e barato que o uso en exclusiva do vehículo particular", engadiu o voceiro nacionalista.