O BNG lamenta que o concello de Miño leve anos sen solicitar a subvención da Deputación para a contratación dun técnico de deportes
“O concello está deixando pasar a oportunidade de xerar un posto de traballo na nosa vila cun custe económico mínimo”, sinalou o voceiro do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás
Miño, 10 de agosto de 2022.- O BNG de Miño lamenta que o concello de Miño non presentase no que vai de mandato a solicitude na Deputación Provincial da Coruña para a contratación de persoal técnico no servizo municipal de deporte.
“O concello está deixando pasar a oportunidade de xerar un posto de traballo na nosa vila cun custe económico mínimo”, sinalou o voceiro do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás. “Este custe é tan baixo xa que a Deputación faise cargo do 80% do salario da traballadora”, engadiu.
As solicitudes deste tipo de subvencións poden catalogarse como rutineiras e das cales son avisados todos os concellos da provincia en tempo e forma suficientes para atendelas. Con esta inacción, a concellería na que se encadra a área de deportes priva a veciñanza de Miño dun servizo que podería dar un pulo aos diferentes clubs deportivos do concello, así como a promoción do deporte e da actividade física nos diferentes tramos de idades.