O BNG presentou onte en Betanzos unha campaña en defensa dunha liña ferroviaria digna e de calidade
A Xunta de Galiza avalou e apoiou o proceso de desmantelamento da rede ferroviaria galega, suprimindo servizos e eliminando estacións e apeadeiros que o goberno español ven desenvolvendo desde o ano 2012 e que se viu agravado como efecto da pandemia da covid-19.
Desde o BNG defendemos unha mobilidade que responda ás necesidades da nosa veciñanza, que una Betanzos cos concellos das Mariñas e coas cidades da Coruña e Ferrol
Betanzos, 15 de febreiro de 2022.- O BNG presentou onte en Betanzos unha campaña en defensa dunha liña ferroviaria digna e de calidade. Co lema “Queremos tren” os nacionalistas presentaron a campaña na estación de tren de Betanzos coa presenza da deputada Mercedes Queixas, da responsábel comarcal Cristina López, e de portavoces e militantes dos diferentes concellos das Mariñas. Dentro desta campaña o BNG repartirá dípticos informativos e recollerá sinaturas acompañadas de cartaces e mocións nos plenos dos concellos da comarca das Mariñas.
“A situación que vive Betanzos, a súa comarca e Galiza en canto ao déficit, deterioro e abandono de infraestruturas ferroviarias e é consecuencia de decisións arbitrarias e inxustas adoptadas durante anos polos gobernos español e galego”, explicou Mercedes Queixas, deputada do BNG no Parlamento de Galiza. “O sistema radial actual do tren no noso País foi concibido para comunicarnos con Madrid. Prímase así o centralismo e a obsesión por conectar Galiza coa capital do Estado no canto de garantir uns servizos ferroviarios dignos que conecten os concellos galegos, garantindo unha mobilidade máis racional, máis útil para as galegas e os galegos e máis respectuosa co medio ambiente e as persoas”, engadiu.
“A Xunta de Galiza avalou e apoiou o proceso de desmantelamento da rede ferroviaria galega, suprimindo servizos e eliminando estacións e apeadeiros que o goberno español ven desenvolvendo desde o ano 2012 e que se viu agravado como efecto da pandemia da covid-19.
Desde o BNG defendemos unha mobilidade que responda ás necesidades da nosa veciñanza, que una Betanzos cos concellos das Mariñas e coas cidades da Coruña e Ferrol”, indicou Queixas.
“Con esta campaña pedimos que se execute a modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, contemplando a electrificación e dupla vía e construción do bypass de Infesta para favorecer o emprego do ferrocarril en toda a zona urbana A Coruña-Ferrol, acurtando tempos de viaxe entre as dúas cidades e articulando a comunicación entre os diferentes concellos da nosa comarca. Obras demandadas durante décadas polo BNG e que seguen sen executarse”, explicou Mercedes Queixas.
“O deseño de frecuencias e horarios adaptados ás necesidades das usuarias, nomeadamente traballadoras e estudantes, ademais de restituír as frecuencias que foron suprimidas ao comezo da pandemia e que aínda non se recuperaron son pasos imprescindíbeis para un servizo de calidade”, engadiu a deputada do BNG.
Desde o BNG demandan tamén unha tarifa accesíbel e competitiva que inclúa o transporte ferroviario dentro das bonificacións que ofrece a Tarxeta de Transporte Metropolitano da Xunta de Galiza e instaurar outras bonificacións ou descontos atendendo ao número de viaxes e características das persoas usuarias.
Restituír os apeadeiros abandonados e melloras na liña A Coruña-Monforte
“Pedimos tamén que se restitúan os apeadeiros abandonados como o de Guísamo en Bergondo ou o de San Pantaleón en Paderne ou o da Graña en Betanzos e apertura de novo das estacións como a de Betanzos para dar cobertura aos principais núcleos de poboación e a habilitación de zonas de aparcamento gratuíto nas súas proximidades”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
“A liña A Coruña – Monforte pasa por Oza dos Ríos, Curtis e Teixeiro é unha oportunidade cun aumento de frecuencias para permitir utilizar este servizo como tren de proximidade para conectar estes concellos coa cidade da Coruña, Ferrol e Betanzos. Ademais é necesario soterrar a vía recuperando espazo no centro da vila de Oza”, engadiu López.