O BNG recolleu firmas en Guísamo en defensa dun servizo ferroviario digno e de calidade
Dentro da súa campaña “Queremos Tren” o BNG segue recollendo apoios en toda a comarca
No caso concreto de Bergondo desde o BNG piden que se restitúan apeadeiros abandonados como o de Guísamo. “Sería unha oportunidade dun transporte de cercanías, barato e sostíbel, para conectar o noso concello coa Coruña, Ferrol e outros concellos da nosa comarca”, engadiu Carro
Bergondo, 4 de marzo de 2022.- O BNG recolleu firmas esta mañá en Guísamo en defensa dun servizo ferroviario digno e de calidade. Dentro da súa campaña “Queremos Tren” o BNG segue recollendo apoios en toda a comarca para reclamar melloras no transporte público e esixir que se reverta o “proceso de desmantelamento da rede ferroviaria galega, que conlevou a supresión de servizos e a eliminación de estacións e apeadeiros e que se viu agravado como consecuencia da covid-19”.
“Pedimos que se execute a modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, contemplando a electrificación e dupla vía e construción do bypass de Infesta para favorecer o emprego do ferrocarril en toda a zona urbana A Coruña-Ferrol, acurtando tempos de viaxe entre as dúas cidades e articulando a comunicación entre os diferentes concellos da nosa comarca” engadiron desde o BNG. “Trátase de obras demandadas durante décadas polo BNG e que seguen sen executarse”, criticou o portavoz do BNG, David Carro.
No caso concreto de Bergondo desde o BNG piden que se restitúan apeadeiros abandonados como o de Guísamo. “Sería unha oportunidade dun transporte de cercanías, barato e sostíbel, para conectar o noso concello coa Coruña, Ferrol e outros concellos da nosa comarca”, engadiu Carro.
Desde o BNG demandan tamén unha tarifa accesíbel e competitiva que inclúa o transporte ferroviario dentro das bonificacións que ofrece a Tarxeta de Transporte Metropolitano da Xunta de Galiza e instaurar outras bonificacións ou descontos atendendo ao número de viaxes e características das persoas usuarias.