O BNG pide á Xunta que colabore co concello no soterramento da liña de alta tensión a carón do Mosteiro de Bergondo
"Pedimos a Xunta de Galiza que colabore co Concello de Bergondo para elaborar o estudo de soterramento da liña aérea de alta tensión próxima ao Mosteiro de Bergondo e avalíe as posíbeis vías de financiamento para a execución da obra”
Bergondo, 15 de marzo de 2021.- A deputada nacionalista Mercedes Queixas xunto co portavoz en Bergondo, David Carro, a responsábel comarcal do BNG, Cristina López e militantes e simpatizantes da localidade visitaron onte o Mosteiro de Bergondo e explicaron a iniciativa que a deputada nacionalista presentou no Parlamento para pedir que a Xunta colabore co concello no soterramento da liña de alta tensión.
“Dadas as características dun ben como o Mosteiro de Bergondo desde o BNG solicitamos no Pleno municipal que se negociara coa empresa propietaria desta liña realizar un soterramento parcial na parte máis próxima a este ben patrimonial para mitigar o seu impacto. A moción do grupo do BNG foi aprobada por unanimidade polo Pleno municipal”, explicou o portavoz do BNG David Carro.
“A empresa propietaria da liña respondeu á solicitude do concello solicitando que a administración se faga cargo do custo do estudo do soterramento da liña –5000 euros -que terían que pagarlle á empresa propietaria con cartos públicos”, engadiu o portavoz nacionalista.
“Pedimos a Xunta de Galiza que colabore co Concello de Bergondo para elaborar o estudo de soterramento da liña aérea de alta tensión próxima ao Mosteiro de Bergondo”, explicou a deputada Mercedes Queixas. “Tamén pensamos que a Xunta avalíe as posíbeis vías de financiamento para a execución da obra”, engadiu Queixas.
O Mosteiro de Bergondo é un dos principais bens patrimoniais e turísticos deste concello. Está documentada a súa existencia dende o ano 1138, trátase dun antigo convento beneditino que debido as súas singularidades en 1973 é declarado monumento histórico artístico nacional polo Estado.