O BNG pide ao Pleno que adquira para uso público a “Quinta Cortón”, residencia de Xoan Vicente Viqueira
Na súa proposta, dende o BNG inciden na súa utilización para usos sociais, culturais ou educativos e na necesidade de pedir colaboración á Deputación e á Xunta, ademais de negociar coa propiedade da Quinta
Bergondo, 21 de marzo de 2022.- O BNG presentará unha proposta no Pleno para que o concello negocie cos propietarios da "Quinta Cortón", residencia do senlleiro filosofo bergondés Xoan Vicente Viqueira, a súa adquisición para patrimonio público. "A Quinta Cortón ten unha grande importancia xa que albergou gran parte da historia recente do noso concello, historia que compre conservar e divulgar. Por aquí pasaron destacados humanistas como Bartolomé Cossio ou Giner de los Rios, entre outras destacadas figuras da Institución Libre de Enseñanza", indicou o portavoz nacionalista David Carro.
“A Quinta Cortón está incluída na relación de bens catalogados polas normas subsidiarias municipais en vigor na actualidade, e polo tanto o concello ten a obriga de protexela”, engadiu Carro.
Na súa proposta, dende o BNG inciden na súa utilización para usos sociais, culturais ou educativos. "A parroquia de Vixoi, onde se sitúa esta construción, adoece da escaseza de espazos públicos para desfrute da veciñanza, algo que se vería paliado dada a amplitude deste edificio e os seus amplos xardíns, que poderían abrirse así ao público xeral", expuxo Carro.
Conscientes de que o concello por sí só non pode financiar esta adquisición, a proposta do BNG incide na necesidade de pedir colaboración á Deputación e á Xunta, ademais de negociar coa propiedade da Quinta. “Presentar a proposta a outras administracións para buscar o compromiso destas a axudar a financiar esta adquisición é un paso fundamental xa que a súa adquisición para uso público sería de gran importancia para a parroquia de Vixoi pero tamén para o conxunto de Bergondo”, concluíu o portavoz nacionalista.
Moción sobre a escalada de prezos
O BNG presentou tamén unha moción para propoñer actuacións que deben impulsar os gobernos galego e central para mitigar o impacto do medre disparado da inflación na economía dos galegos e galegas. “A vida está cada día máis cara. Notámolo na compra, nas facturas da luz, na auga e no gas, cando pagamos o aluguer da vivenda, cando imos á gasolineira ou pagamos as peaxes da autoestrada. Todo sobe e o salario medio ou a pensión media en Galiza fan imposíbel enfrontar esta situación. A suba de prezos deteriora gravemente as condicións de vida. No entanto, asistimos a beneficios históricos das eléctricas, en conivencia cos poderes e a política centralista”, explicou o portavoz do BNG, “por iso levamos a pleno unha moción con propostas para que o goberno galego e do Estado para paliar esta situación”.