O BNG propón que se estude a remunicipalización da auga e o saneamento
O BNG de Miño solicita ao goberno municipal que aposte pola xestión directa dos servizos de saneamento e subministro de auga
Alberte G. Nicolás: “A auga, como ben esencial, non pode ser tratada como unha mercadoría máis”
Miño, 10 de novembro de 2022.- Desde o BNG de Miño instan ao goberno municipal garantir o acceso dun servizo básico como o subministro de auga a toda a veciñanza, comezando por encargar un estudo para que o propio concello empreste os servizos de traída e saneamento da auga como alternativa a xestión privada actual. “Nas pasadas semanas o goberno local subiu o prezo da auga un 10% debido á subida do IPC, xa que a empresa concesionaria, Espina y Delfin, reclamou esta subida á que tiña dereito por contrato”, explicou o voceiro do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás.
Para o BNG é clara a necesidade de blindar o acceso a este servizo esencial desde o público dun xeito racional e ambientalmente sustentábel. “A auga, como ben esencial, non pode ser tratada como unha mercadoría máis”, indicou o voceiro nacionalista. “O contrato á concesionaria xa rematou, e estase prorrogando, por iso pensamos que é o momento para estudar alternativas como a xestión directa do servizo”, engadiu.
“Temos a necesidade de comezar a dar pasos para superar un modelo de xestión da auga privatizado e que só beneficia a unha empresa concesionaria”, indicou Alberte G. Nicolás. “Defendemos un modelo de xestión pública da auga, a través dunha xestión directa que promova un consumo racional e sustentábel”, concluíu.
Comarcalización de servizos
Para as nacionalistas, esta situación non é única en Miño xa que outros concellos da comarca están nunha situación similar. “Debemos aproveitar este momento para sentar as bases da xestión mancomunada da auga nas Mariñas”, afirmou Cristina López, responsábel comarcal do BNG. “A creación da Mancomunidade das Mariñas podería ser aproveitada para prestar outros servizos como a recollida e tratamento de lixo, o uso do conservatorio de música ou a creación de plans de emprego”, concluíu.