O BNG das Mariñas presentou a súa campaña en contra da subida dos prezos
Anunciou repartos na feira en Betanzos e no feirón en Miño así como un acto público o día 2 de decembro no Liceo en Betanzos para explicar as súas propostas para combater a suba dos prezos e chamou a participar na manifestación do 18 de decembro en Compostela.
Betanzos, 22 de novembro de 2022.- O BNG das Mariñas presentou a súa campaña en contra da subida dos prezos, e chamou a participar na manifestación convocada en Compostela o 18 de decembro. Desde o BNG reclaman aos gobernos que actúen en defensa das maiorías sociais e desenvolvan medidas, tanto “a curto prazo como estruturais”, que lles permitan afrontar a actual crise de prezos porque, segundo advertiu, moitas das que se están tomando “son contrarias á maioría”.
“Medidas como a suba dos tipos de interese e, polo tanto, das hipotecas, prexudican ás familias, para as que en moitos casos 200 euros máis ao mes son inasumíbeis e tamén prexudican ás pequenas e medianas empresas, ao restrinxirlles o acceso ao crédito”, explicou a deputada Mercedes Queixas.
Na presentación da campaña contra a crise de prezos en Betanzos participaron xunto á deputada nacionalista a responsábel comarcal, Cristina López, e portavoces da comarca como Amelia Sánchez de Betanzos, David Carro de Bergondo, Alberte G. Nicolás de Miño, Blan García Roel de Abegondo e Manel Pérez de Paderne. “Hai alternativa, o BNG está a desenvolver esta campaña por todo o País que concluirá o próximo 18 de decembro cunha manifestación en Santiago para reclamar precisamente medidas que posibiliten unha saída xusta e digna a esta crise”, engadiu a deputada nacionalista. “Ademais o día 2 de decembro celebraremos un encontro no Liceo en Betanzos ás 20:30 h para informar á veciñanza sobre as nosas alternativas para paliar esta situación”, indicou.
“É unha estafa inaceptábel. Os beneficios de sectores como o enerxético ou o financeiro, que se están a forrar nesta crise son inaceptábeis, mentres a maioría imos pagar as consecuencias. Na nosa comarca pequenos negocios e comercio, así como as explotacións ven como a subida de prezos fai cada vez máis complicado sobrevivir”, engadiu a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
“Vemos a diario os problemas das empregadas das empresas concesionarias dos servizos de axuda no fogar (SAF) por exemplo, con problemas laborais derivados dunha absoluta precariedade. Desde o BNG queremos crear conciencia con esta campaña sobre a inxustiza de que a crise económica a sigan pagando as clases populares mentres os grandes empresarios seguen obtendo cada vez máis beneficios”, indicou. O BNG das Mariñas anunciou repartos na feira en Betanzos e no feirón en Miño así como un acto público para explicar as súas propostas para combater a suba dos prezos.