O BNG criticou que a declaración de impacto da Xunta non obrigue a un estudo conxunto dos parques eólicos e infraestruturas de evacuación no Monte do Gato
“A propia Xunta dáse conta das aberracións que supoñen estes Parques cunha enorme afectación ambiental, neste caso ás Brañas do Deo, propostas para a ampliación da Rede Natura e vai poñendo parches que nada solucionan e que fan imposíbel para a veciñanza seguir as tramitacións, provocando indefensión porque xa non se sabe nin onde van os muíños nin nada”
Betanzos, 23 de novembro de 2022.- O BNG criticou que a declaración de impacto que ven de publicar a Xunta non obrigue a un estudo conxunto de todos os parques eólicos e infraestruturas de evacuación na zona do Monte do Gato. “A Consellería de medio ambiente acaba de publicar a declaración de impacto do Parque eólico Felga, despois de forzar unha modificación do proxecto no que eliminan un aeroxenerador, aumentando o tamaño dos 4 restantes para compensar a perda de potencia e modificar a posición doutro dos muíños”, explicou a responsábel comarcal, Cristina López.
“A propia Xunta dáse conta das aberracións que supoñen estes Parques cunha enorme afectación ambiental, neste caso ás Brañas do Deo, propostas para a ampliación da Rede Natura e vai poñendo parches que nada solucionan e que fan imposíbel para a veciñanza seguir as tramitacións, provocando indefensión porque xa non se sabe nin onde van os muíños nin nada”, criticou a responsábel nacionalista.
“Ademais, nesta declaración de impacto non obriga a un estudo conxunto de todos os parques, liñas de alta e subestacións da zona. Só Greenalia ten tres proxectos de parques eólicos no Monte do Gato, e seguimos sen ter unha valoración do impacto do conxunto destas infraestruturas para a veciñanza de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras, que son os grandes afectados por todos estes proxectos eólicos na comarca”, engadiu Cristina López.
Desde o BNG anunciaron novas medidas tanto a nivel institucional como social en contra destes Parques eólicos que teñen unha tremenda afectación tanto para o patrimonio natural como cultural, xa que afectan a necrópole megalítica do Monte do Gato, mais especialmente para a veciñanza pola súa cercanía a vivendas e explotacións.