O BNG de Abegondo presentou unha iniciativa para promover o autoconsumo eléctrico
Blan García Roel: “É esencial unha boa política de concienciación da veciñanza e do tecido empresarial sobre a importancia da transición enerxética”
Abegondo, 28 de Maio de 2024.- O BNG de Abegondo presentou unha iniciativa para promover o autoconsumo eléctrico. “É esencial unha boa política de concienciación da veciñanza e do tecido empresarial sobre a importancia da transición enerxética para afrontarmos a emerxencia climática provocada polo quecemento global”, indicou o portavoz do BNG de Abegondo, Blan García Roel.
Desde o BNG propoñen que o concello redacte e aprobae un Plan Municipal de Fomento do Autoconsumo fotovoltaico “para promovermos o autoconsumo eléctrico que inclúa incentivos económicos así como a facilitación de trámites administrativos a veciñanza e empresas que desexen instalar sistemas de autoconsumo”, engadiu o voceiro nacionalista.
“É importante tamén realizar campañas de concienciación e información sobre os beneficios do autoconsumo eléctrico e organizar sesións informativas en colaboración con expertos neste ámbito e coas asociacións locais”, explicou. “Tamén é importante promover a participación en feiras ou exposicións relacionadas coas enerxías renovábeis, para coñecer experiencias e iniciativas neste eido”, indicou.
As nacionalistas defenden tamén que o goberno local estude a posibilidade de establecer bonificacións nos impostos como o IBI ou a creación dun fondo de subvencións, especialmente para a veciñanza con menos recursos económicos.
Cooperativa enerxética local
Desde o BNG defenden que o concello debe apoiar firmemente todas as iniciativas cooperativistas para a produción de enerxía eléctrica que beneficien a toda a veciñanza que non poida instalar nas súas vivendas estes elementos.