O BNG pedirá ao Pleno que protexa o patrimonio arqueolóxico da zona alta de Montouto, afectado polo proxecto eólico Monte de San Bartolomeu
Blan García Roel: “Este emprazamento tumular atópase en perigo pola presión do oligopolio eléctrico, concretamente polo PE Monte de San Bartolomeu, actualmente en tramitación, e polos intereses madeireiros que están enchendo a parte alta do Concello de Abegondo de grandes plantacións de eucaliptos”
Abegondo, 30 de setembro de 2023.- O BNG pedirá ao Pleno que solicite á Xunta a declaración de zona de especial protección arqueolóxica e natural a zona alta de Montouto, afectada polo proxecto de Parque Eólico Monte de San Bartolomeu.
“Trátase dunha necrópole que se estende por unha parte importante do Monte San Bartolomeu, sobre todo nas parroquias de Folgoso, Montouto e Vizoño. Unha zona tumular ben documentada por Patrimonio da Xunta de Galiza e tamén recollida no catálogo de patrimonio do PXOM de Abegondo que se ven de aprobar provisionalmente”, explicou o voceiro do BNG de Abegondo, Blan García Roel.
“Este emprazamento tumular atópase en perigo pola presión do oligopolio eléctrico, concretamente polo PE Monte de San Bartolomeu, actualmente en tramitación, e polos intereses madeireiros que están enchendo a parte alta do Concello de Abegondo de grandes plantacións de eucaliptos”, engadiu o voceiro nacionalista.
O BNG solicitará tamén que o concello se inicie os trámites necesarios para a creación dun parque arqueolóxico na zona. “Pensamos que a labor de difusión do noso patrimonio é fundamental, e por iso pedimos ao concello que inicie as tarefas de sinalización e posta en valor das Mámoas que hai en Abegondo, para deste xeito darlle a coñecer o patrimonio á veciñanza así como ter sempre presente a ubicación destes monumentos funerarios para que as empresas madeireiras non usen maquinaria pesada nas súas proximidades”, indicou Blan García Roel.
O nacionalista pide que o concello deseñe rutas didácticas cos veciños e veciñas así como co alumnado dos centros educativos para expor a riqueza do noso patrimonio e difundir a importancia da súa conservación. “Explicar a necesidade de respectar o noso patrimonio é fundamental se queremos que sigan vixiando os nosos montes en tempos futuros”, concluíu.