O BNG de Abegondo anunciou que presentará alegacións ao proxecto de subestación en Folgoso
Blan García Roel: “O concello debe informar á veciñanza sobre as liñas de alta tensión e a subestación proxectadas en Abegondo e estudar a posibilidade de artellar unha oficina xurídica que asesore á veciñanza nas súas alegacións”
Abegondo, 4 de setembro de 2023.- O BNG de Abegondo anunciou que presentará alegacións ao proxecto de subestación en Folgoso. “Alegrámonos de que o concello mostre a súa oposición a este proxecto e apoiaremos todas as propostas que vaian dirixidas a facer fronte común en contra deste proxecto que prexudicará á nosa veciñanza e medio natural”, explicou o voceiro do BNG, Blan García Roel.
O BNG pediu que o concello informe á veciñanza sobre as liñas de alta tensión e a subestación proxectadas en Abegondo. “No BOE do 1 de setembro publícanse os proxecto de subestación e Liñas de alta tensión”, explicaron desde o BNG. “O. goberno local debe estudar a posibilidade de artellar unha oficina xurídica que asesore á veciñanza á hora de presentar alegacións a estes proxectos.
Desde o BNG lembraron que xa no seu momento o grupo nacionalista se posicionou en contra da posibilidade da instalación desta subestación que tería unha grande afectación na zona. “Neste contexto pensamos que é imprescindíbel que traslade a maior transparencia e información posíbel para que a veciñanza poida artellar as súas liñas de actuación e defensa do mellor xeito”, indicaron.
“Estamos estudando os proxectos para presentar as alegacións correspondentes e poñémonos á disposición da veciñanza para axudarlles na redacción de alegacións ou resolver calquera dúbida que poidan ter, dentro da información da que dispoñemos”, concluíron. Ademais de apoiar as accións do goberno local tamén presentaremos as nosas alegacións e poñémonos ao servizo das veciñas e veciños afectados para informar sobre o proxecto e a presentación de alegacións”, concluíu o voceiro nacionalista.