O BNG solicita melloras na seguridade viaria na estrada que une Borreiros e Meangos
Blan García Roel: “A veciñanza trasladounos a necesidade dunha sinalización adecuada desta estrada e dun quita-medos no tramo do túnel do río Gobia, que ten pouca visibilidade e pode provocar confusión e provocar que os vehículos sigan recto, có perigo que isto supón”
Abegondo, 8 de abril de 2023.- O BNG solicita que se sinalicen as curvas perigosas na estrada que une Borreiros e Meangos e que proceda a colocar “quita-medos” alí onde sexa necesario prestando especial atención ao tramo do río Gobia.
“A estrada que comunica Borreiros, na parroquia de Abegondo con Meangos presenta dúas curvas moi pechadas con escasa visibilidade xusto despois de cruzar a AP-9 en dirección Meangos. A veciñanza trasladounos a necesidade dunha sinalización adecuada desta estrada e dun quita-medos no tramo do túnel do río Gobia, que ten pouca visibilidade e pode provocar confusión e provocar que os vehículos sigan recto, có perigo que isto supón”, explicou o candidato á alcaldía do BNG, Blan García Roel.
“Ademais, non hai ningún punto de luz artificial que poida mellorar a seguridade cando se transita pola noite o que dificulta moito a visibilidade sobre todo no tramo que está preto a AP9”, engadiu o candidato nacionalista.
“É fundamental que a rede local de camiños e estradas permaneza sempre nun óptimo estado de conservación, coa sinalización adecuada para garantir a seguranza da veciñanza, coa iluminación correcta para evitar incidentes innecesarios, con beirarrúas, se fose preciso, para que a veciñanza poida desenvolver as súas actividades con tranquilidade”, concluíu o candidato nacionalista.