O BNG presenta alegacións ao proxecto de PE Monte San Bartolomeu
Os portavoces do BNG en Abegondo, Mesía e Ordes presentaron as alegacións no hospital de Bruma, parte do Camiño Ingles, que se verá afectado polo proxecto.
O BNG rexistrou tamén un escrito no concello de Abegondo solicitando ao goberno local do PP que defenda os intereses da veciñanza fronte aos das grandes empresas eléctricas
Abegondo, 5 de febreiro de 2023.- Os portavoces do BNG Abegondo, Ordes e Mesía veñen de rexistrar unha serie de alegacións ao proxecto do parque eólico Monte San Bartolomeu. O parque eólico Monte San Bartolomeu de Enel Green Power, son 10 aeroxeneradores entre os concellos de Abegondo, Mesía e Ordes, a escasos 200 metros do Hospital de Bruma, lugar elixido polas nacionalistas para presentar as súas alegacións.
Blan García Roel, portavoz do BNG de Abegondo, destaca “o impacto sobre o patrimonio natural e recursos hídricos”. “O territorio do concello de Abegondo afectado polo parque eólico, atópase dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas Terras do Mandeo, zona de especial protección medioambiental, patrimonial e paisaxística”. Destaca a presenza dentro da poligonal do parque eólico “dun dos bosques de ribeira e frondosas mais extenso e importante do concello de Abegondo, como é a Fraga do Rego Manteiga”.
“A este respecto, tampouco nos podemos esquecer do monte Fraga da Aerosa”, apunta Beatriz Louro López, portavoz do BNG de Mesía, que destaca “a proximidade dos aeroxeneradores á primeira masa consolidada de frondosas autóctonas rexistrada, situada na parroquia de Visantoña”, “un espazo de case vinte e cinco hectáreas poboado de castiñeiros, carballos e bidueiros”.
Desde o BNG consideran que o parque eólico proxectado vai ter un enorme impacto sobre o Camiño Inglés e destacan a proximidade dos aeroxeneradores ao seu trazado. “Varios aeroxeneradores quedan a menos dun quilómetro de distancia do camiño de Santiago, estando situado o mais próximo a menos de catrocentos metros”, indica Pablo Vidal, portavoz do BNG de Ordes, que resalta “a enorme afección negativa que suporía a implantación do parque eólico sobre un dos maiores atractivos turísticos da zona, cun importante impacto económico na contorna”.
Os voceiros nacionalistas destacan que a zona “xa padece unha grande cantidade de impactos acumulados, como é a presenza de numerosos tendidos eléctricos pola proximidade da subestación das travesas, a autoestrada, o oleoduto, ou o gasoduto”, e fan fincapé na “excesiva proximidade dos aeroxeneradores a numerosos núcleos de poboación”.
O BNG solicita ao goberno local que actúe en defensa dos intereses da veciñanza
O BNG rexistrou tamén un escrito no concello de Abegondo solicitando ao goberno local do PP que defenda os intereses da veciñanza fronte aos das grandes empresas eléctricas. “Pedimos que o concello presente alegacións a este proxecto e que informe á veciñanza dos lugares e parroquias afectadas”, concluíu García Roel.