O BNG preguntará no Pleno do Parlamento polo cambio de horario no bus Boimorto – A Coruña, que afecta á veciñanza de Abegondo
Paulo Ríos: “Non entendemos a que se deben estes cambios de horarios que prexudican as persoas usuarias do servizo. A Xunta ten que aclarar se goberna para as veciñas e veciños ou para beneficiar ás empresas concesionarias”
Abegondo, 1 de decembro de 2022.- O deputado do BNG, Paulo Ríos, preguntará mañá venres no Pleno do Parlamento polo cambio de horarios na liña de bus Boimorto – A Coruña. O deputado nacionalista visitou esta semana Abegondo para coñecer de primeira man os problemas que este cambio de horario está a provocar na veciñanza. “A principios de outubro modificouse o horario da parada de Montouto das 8:45 ás 8 h provocando que as persoas que o utilizan teñan que agardar máis dunha hora para os horarios das clases ou o traballo”, explicou o voceiro do BNG en Abegondo, Blan García Roel.
“A pesar das múltiples queixas presentadas e das peticións do BNG mantívose o novo horario o que provocou unha importante baixa no número de usuarios”, engadiu o portavoz do BNG. “Lembrou que desde o BNG pediron ao concello que reclame á Consellería que se restableza o horario anterior sen que de momento se coñeza ningunha actuación por parte do goberno local”, afirmou.
Por todo isto, o deputado do BNG, Paulo Ríos, preguntará mañá no Pleno do Parlamento a que se debe esta modificación de horarios. “Non entendemos a que se deben estes cambios de horarios que prexudican as persoas usuarias do servizo. A Xunta ten que aclarar se goberna para as veciñas e veciños ou para beneficiar ás empresas concesionarias”, indicou Ríos.
“O que pedimos é que se cumpran as condicións da actual concesión e se rectifiquen os horarios e as frecuencias recortadas para adaptalo ás necesidades dos usuarios e usuarias”, explicou o deputado do BNG. O deputado nacionalista animou á veciñanza afectada a mobilizarse para esixir o dereito a un transporte público de calidade.