BNG demanda ao Goberno que denegue a autorización para a Subestación Eléctrica de Abegondo

Néstor Rego denuncia que “este proxecto está envolto nun enorme oscurantismo desde o primeiro momento”.

Reclama ao MITECO que se teñan en conta as alegacións de veciños, colectivos e organizacións de Abegondo, preocupados polo impacto que vai ter

BNG demanda ao Goberno que denegue a autorización para a Subestación Eléctrica de Abegondo

Madrid, 3 de outubro de 2023. O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentar dirixida ao Goberno español para solicitarlle que denegue a autorización para a instalación da Subestación Eléctrica de Abegondo debido ao seu preocupante impacto na zona.

Néstor  Rego lembra as diversas preguntas formuladas polo BNG na cámara baixa desde marzo de 2022, solicitando información sobre o estado deste proxecto, que “desde o primeiro momento estivo envolto nun enorme oscurantismo, dificultando o acceso á información por parte de colectivos e persoas afectadas”.

Finalmente, recalca, foi publicado o pasado 1 de setembro un anuncio do Ministerio de Política Territorial polo que se somete a información pública o Anuncio de Declaración de Utilidade Pública da nova Subestación Eléctrica de 400 KV de Abegondo. O órgao competente para autorizar esta instalación é o Ministerio de Transición Ecolóxica (Direción de Política Enerxética).

Únese a este anuncio o feito de que se vai levar a cabo unha dobre tramitación paralela da Subestación Eléctrica de Abegondo. “Por un lado o parque de 400 KV -dependente do Ministerio- e pola outra o parque de 200KV, que tramitará a Xunta, ademáis da liña de conexión aérea de dobre circuito Mesón do Vento-As Pontes.

Unha tramitación cunha “fragmentación fraudulenta de dous proxectos”

Critica Rego esta fórmula de tramitación separada que “impide unha avaliación de conxunto, posto que se vai analizar o parque de 400KV e o de 200KV separadamente e por dous órgaos diferenciados. É unha fragmentación fraudulenta desde o ponto de vista das garantías medioambientais”. Neste sentido, inquire ao Executivo sobre as razóns de facer unha tramitación separada e subliña que “o adecuado sería unha tramitación conxunta para avaliar os impactos ambientais, patrimoniais e sobre as persoas con vivendas próximas”.

Outra das denuncias que fai o BNG é que se estea a dar luz verde á construción de novos parques eólicos que proxectan a evacuación através dunha Subestación que aínda non se autorizou.

BNG demanda ao Goberno que denegue a autorización para a Subestación Eléctrica de Abegondo