O BNG solicita que a Xunta declare zona de especial protección arqueolóxica e natural o Monte de San Bartolomeu en Abegondo

Mercedes Queixas: Este emprazamento tumular na actualidade está en perigo pola presión do oligopolio eléctrico -PE San Bartolomeu- e polos intereses madeireiros que están enchendo a parte alta do Concello de Abegondo de plantacións de eucalipto

O BNG solicita que a Xunta declare zona de especial protección arqueolóxica e natural o Monte de San Bartolomeu en Abegondo

Abegondo, 31 de outubro de 2023.- O BNG solicita que a Xunta declare o Monte de San Bartolomeu, en Montouto, Abelar, A Malata e Borrucedo, como zona de especial protección arqueolóxica e natural para protexela da presión eólica e florestal. 

“Na zona alta do concello existe unha zona tumular ou necrópole que se estende por unha parte ben importante do Monte San Bartolomeu e que lle afecta sobre todo ás parroquias de Folgoso, Montouto e Vizoño. Unha zona tumular ben documentada pola Dirección xeral de patrimonio e tamén polo Plan Xeral de Ordenación Municipal”, explica Mercedes Queixas, deputada do BNG. 

“No espazo que ocupa o Monte San Bartolomeu temos unha necrópole de máis de 20 túmulos tan só explicábel, segundo investigacións recentes, polo feito de estarmos diante da Cordal Ártabra, é dicir Monte Xalo, Monte San Bartolomeu e Montes do Gato. As tres elevacións separan as terras altas da zona de Ordes da plataforma litoral do Golfo ártabro e estes cumes definidores de territorios e espazos foron para os nosos devanceiros lugares de culto e adoración á morte, ao tránsito, ao volver a ser un coa natureza que os rodeaba. De feito este tipo de emprazamentos tumulares tamén os temos catalogados no Xalo e nos Montes do Gato, o que evidencia un claro continuum nesta Cordal Ártabra se falamos de cultura funeraria megalítica”, engade a deputada nacionalista. 

“No caso concreto deste emprazamento tumular que estamos a referir en Abegondo, na actualidade está en perigo pola presión do oligopolio eléctrico (PE San Bartolomeu) ou polos intereses madeireiros que están enchendo a parte alta do Concello de Abegondo de plantacións de eucalipto”, indica Queixas. Por todo isto o BNG solicitou á Xunta que declare esta zona de especial protección para garantir a súa conservación e posta en valor. 

O BNG solicita que a Xunta declare zona de especial protección arqueolóxica e natural o Monte de San Bartolomeu en Abegondo