O BNG pide un plan de melloras na seguridade viaria en Cullergondo e Xuanzo
Blan García Roel: “É necesario de artellar un plan de mellora nas infraestruturas viarias desta zona para mellorar a seguridade nas nosas estradas tanto para peóns como para vehículos, paliar na medida do posíbel o illamento que sofren as poboacións de Cullergondo e Xuanzo a respecto do resto do concello e tamén entre elas”
Abegondo 29 de xullo de 2024.- O BNG pide ao goberno local un proxecto para mellorar a seguridade viaria en Cullergondo e Xuanzo. “A parroquia de Cullergondo e o núcleo de Xuanzo carecen case por completo de beirarrúas ou sendas peonís”, explicou o voceiro do BNG de Abegondo, Blan García Roel. “Ademais, no inicio da estrada que vai de Presedo a Xuanzo hai numerosas fochancas e carece de sinais tanto horizontais como verticais. De igual xeito non se sinalizan as curvas perigosas e as beiras da estrada non están pintadas”, engadiu.
“Nas dúas estradas que unen Xuanzo e Cullergondo existen diferentes deficiencias, a unha delas foi recentemente asfaltada pero non ten ningunha sinalización vertical nin horizontal, non hai STOP nos cruces nin espellos nas incorporacións de pouca visibilidade, a sinalización de curva perigosa é inexistente e as beiras do río non teñen quitamedos que impidan que os coches acaben no leito do Mero e non ten tampouco pintado perimetral. A outra estrada está chea de fochancas, o firme é pésimo, as curvas que teñen pouca visibilidade están sen sinalizar, carece de sinal de STOP, non hai sinal de preferencia de paso por riba da ponte onde non caben dous coches, e ademais ausencia de quitamedos”, explicou García Roel.
“En Cullergondo a situación é similar con estradas sen pintar e sen sinalizar, sen sinais de STOP, a estrada principal de Cullergondo que vai a Carres en a sinalización horizontal borrada, no Centro de Aldea e no Souto da Cubela o firme das estradas está nun estado pésimo, apenas hai beirarrúas ou pasos peonís que melloren a seguridade viaria, falta de espellos nos cruces de pouca visibilidade...”, indicou o voceiro do BNG.
Por todo isto, desde o BNG consideran que é necesario de artellar un plan de mellora nas infraestruturas viarias desta zona para mellorar a seguridade nas nosas estradas tanto para peóns como para vehículos, paliar na medida do posíbel o illamento que sofren as poboacións de Cullergondo e Xuanzo a respecto do resto do concello e tamén entre elas.
Cambios na data dos plenos
Desde o BNG trasladaron tamén o seu malestar pola falta de talante democrático do alcalde á hora de fixar a data e hora dos Plenos. “Despois de solicitar por escrito que a data do Pleno ordinario de xullo, que correspondería facelo o xoves 25, festivo polo día da patría galega, non se celebrase o día 30 pola mañá xa que esa é a única data en que non poderíamos asistir por motivos laborais, o alcalde fixou a data da sesión plenaria xusto ese mesmo día e nesa hora”, explicou o voceiro do BNG. “A proposta de seguridade viaria en Cullergondo e Xuanzo e outras demandas da veciñanza van ter que agardar para ser debatidas ao seguinte pleno ordinario debido ao talante antidemocrático do alcalde”, concluíu.