O BNG pediu que se manteña o mestre de apoio en infantil no CEIP de San Marcos
“Con estas medidas estase reducindo a calidade do ensino para o conxunto do alumnado do centro. A consellería está utilizando a redución do número de alumnado para xustificar unha redución do persoal que vai repercutir en todas as crianzas de Abegondo neste ano e no futuro”
Abegondo, 27 de xullo de 2021.- O BNG pediu que se manteña o mestre de apoio en infantil no CEIP de San Marcos. “Para o vindeiro curso vaise reducir unha aula en infantil de 3 anos debido á baixada do alumnado, mais esta redución do número de aulas vai supoñer tamén a redución dun mestre de apoio para educación infantil, pasando así de contar con 8 mestres en infantil para 6 aulas a ter 6 mestres para 5 aulas”, explicaron desde o BNG.
“Con estas medidas estase reducindo a calidade do ensino para o conxunto do alumnado do centro. A consellería está utilizando a redución do número de alumnado para xustificar unha redución do persoal que vai repercutir en todas as crianzas de Abegondo neste ano e no futuro”, criticaron.
As nacionalistas pediron tamén ao goberno local que informe de se tiña coñecemento desta redución de persoal e reclame á Xunta que manteña esta praza de mestre de apoio no CEIP de San Marcos. “O goberno local pensamos que ten a obriga de esixir á Xunta que manteña os medios para garantir a calidade do ensino no noso Concello, por iso pedimos que reclame á Xunta que manteña esta praza”, engadiron desde o BNG.
“Nun momento coma o que vivimos aínda coas medidas sanitarias resultado da pandemia non é o momento de reducir o número de mestres, senón o contrario, para garantir o cumprimento dos protocolos de seguridade”, concluíron.