O BNG solicitou que se contraten máis coidadoras para o servizo de comedor do CEIP de San Marcos
Desde o BNG solicitaron tamén ao goberno local que reclame á Xunta unha reforma da cociña do CEIP e que o goberno municipal se coordine co conxunto do colectivo educativo para falar das melloras necesarias para garantir a calidade do servizo de comedor e doutros servizos complementarios da educación no noso concello
Abegondo, 30 de marzo de 2021. O BNG solicitou que se contraten máis coidadoras para o servizo de comedor do CEIP de San Marcos. “Noutros centros co mesmo número de alumnado teñen moitas máis persoas coidadoras e pensamos que é fundamental para garantir a calidade e a seguridade, máis neste momento de pandemia”, explicaron desde o BNG. “O número de coidadoras queda curto despois de que se tivesen que facer varias quendas, para coidar ao alumnado no comedor, no patio e nas aulas ao mesmo tempo”, engadiron.
Ademais desde o BNG solicitaron ao goberno local que reclame á Xunta unha reforma da cociña do CEIP de San Marcos. “Pensamos que é necesaria unha reforma da cociña para convertela nunha instalación propia deste século”, indicaron, “sabemos que hai problemas co seu funcionamento por falta de investimento e de reformas necesarias. A Xunta de Galiza é quen ten que facer esta reforma por iso pedimos ao goberno local que traslade esta demanda”