O BNG pediu ao goberno local que interveña para por en valor a capela de Santo Amaro en Figueiroa
“Dado o estado no que se atopa actualmente Santo Amaro é urxente facer unha primeira actuación de consolidación da estrutura existente xa que ameaza con colapsar, de feito un dos muros laterais xa sufriu algún desprendemento”
Abegondo, 25 de marzo de 2021. O BNG pediu ao goberno local que interveña para por en valor a capela de Santo Amaro en Figueiroa. “Pensamos que é importante intervir xa para evitar a desaparición desta capela que é parte fundamental do noso patrimonio tanto material como etnográfico e histórico, por iso pedimos ao goberno local que contacte co Bispado de Santiago de Compostela -dono da capela e do terreo no que se sitúa- para negociar unha cesión do inmoble e, deste xeito, poder iniciar actuacións sobre a ermida e a contorna”, explicaron desde o BNG.
“Ademais pedimos ao goberno que solicite á Xunta a declaración de Ben de interese cultural (BIC) da capela e da contorna de Santo Amaro e que exerza as súas competencias sobre patrimonio para que garanta e poña en valor esta ermida” indicaron. “Dado o estado no que se atopa actualmente Santo Amaro é urxente facer unha primeira actuación de consolidación da estrutura existente xa que ameaza con colapsar, de feito un dos muros laterais xa sufriu algún desprendemento”, engadiron.
Desde o grupo nacionalista presentaron unha proposta para intervir tamén no espazo natural que rodea a capela para uso e goce das veciñas e veciños e facer unha restauración que permita ter un edificio para múltiples servizos, como poden ser exposicións, concertos, recitais, actos relixiosos, lecturas, microteatro ou romerías. ”Tendo en conta as vinculacións literarias que Santo Amaro ten, dende o BNG pensamos que sería acaído resignificar o lugar no que se atopa a capela como `O espazo das palabras´, para por en valor os valores literarios asociados a ermida de Santo Amaro”, propuxeron.
“A capela de Santo Amaro está situada a cincocentos metros da igrexa parroquial no antigo camiño que unía Figueiroa con Montouto e Abegondo na que tiña lugar unha famosa romaría nas terras das Mariñas. O festexo deixou de celebrarse na década dos 60 ou 70 do século pasado”, explicaron desde o BNG. “Trátase dunha ermida asociada a unha lenda que Carré Aldao recolle na revista Nós e a súa recuperación ten moita importancia tanto desde o punto de vista do patrimonio natural como inmaterial do noso concello. Ademais está nun paraxe natural xa que está nos lindes do “Pozo da chousa” onde atopamos un dos montes tradicionais máis importantes do Concello”, engadiron.