O BNG denunciou que a Xunta de Galiza suprimirá o vindeiro 22 de decembro a liña que une Vila de Cruces e A Coruña

29620651528_de13f10f26_b

“Suprimen a conexión directa coa Coruña e os trasbordos plantexados teñen uns tempos de espera que inutilizan estas liñas” explican desde o BNG

“É a estocada definitiva do PP á unhas liñas que xa eran precarias, e a concellos rurais coma o noso, deixándonos sen conexión coa cidade da Coruña”

O BNG denunciou que a Xunta de Galiza suprimirá o vindeiro 22 de decembro a liña que une Vila de Cruces e A Coruña

Abegondo, 19 de decembro de 2020. O BNG denunciou que a Xunta de Galiza suprimirá o vindeiro 22 de decembro a liña que une Vila de Cruces e A Coruña, e que afecta á veciñanza de Vizoño, Montouto, Figueiroa e Sarandós. Neste sentido, cómpre lembrar que a liña de autobús que conecta Vila de Cruces e A Coruña transcorre por Mesía, Arzúa, Boimorto, Abegondo, Carral, Cambre e Culleredo, mentres que a que comunica Santiso coa cidade herculina pasa tamén por Arzúa, Frades, Oroso, Ordes, Carral e Culleredo, polo que ámbalas dúas concentran unha importante demanda de concellos rurais da nosa comarca e de toda a provincia. 

“A pesar do anuncio da Xunta a finais do pasado mes de setembro, diante da presión do BNG e a veciñanza de que se ía manter e mesmo mellorar o servizo, hoxe confirmamos coa compañía que ven prestando o servizo que esta liña deixa de existir o vindeiro 22 de decembro”, explicaron desde o BNG. “A Xunta comprometeu en setembro a continuidade do servizo co novo Plan de transportes, mais a realidade é que o PP lle mentiu ás persoas usuarias deste servizo que o día 22 desaparece en moitos casos sen unha alternativa de transporte para poder chegar á Coruña”, engaden.

O BNG criticou que tamén supriman a liña de Santiso á Coruña. “A pesar dos anuncios feitos pola Xunta de que habería máis frecuencias e un transbordo perfectamente coordinado, pódese comprobar facilmente na páxina web da Xunta que isto non é verdade. Hai un bus de Vila de Cruces a Boimorto que chega ás 7:45 e despois agardar para facer transbordo co bus que sae de Ourense ás 11:30 para chegar así á Coruña. Este é só un exemplo do prexuízo que a supresión desta liña causa ás persoas usuarias”, indican. 

Desde o BNG recordaron que entregaron en torno a 1600 sinaturas solicitando á Xunta que se mantivesen estas liñas e que pese ás afirmacións do PP a realidade é que a partir do día 22 se dificultan moito os desprazamentos entre algúns dos concellos afectados e a cidade da Coruña, alongando os tempos de viaxe e con transbordos imposíbeis. “Como xa o fixemos cando se debateu o novo Plan de Transporte Público de Galiza,  seguimos exixindo que se garanta un servizo de transporte público digno e acaído ás necesidades do País”, explican desde o BNG. 

“Esta é a estocada definitiva do PP a unhas liñas que xa eran precarias, e a concellos rurais coma o noso, suprimindo un servizos público máis e deixándonos sen conexión coa cidade da Coruña”, conclúen.
O BNG denunciou que a Xunta de Galiza suprimirá o vindeiro 22 de decembro a liña que une Vila de Cruces e A Coruña