BNG exixe ao Goberno do Estado mellorar a seguranza viaria no Concello de Bergondo
Néstor Rego reclama a Ábalos que se doten de partidas orzamentarias específicas as actuacións que se teñen que levar a cabo na nacional sexta e a construción de infraestruturas para a seguridade da veciñanza.
Madrid, 19 de maio de 2021. O BNG vén de rexistrar no Congreso iniciativas a prol da seguranza viaria no Concello de Bergondo reclamando ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana varias actuacións que permitan resolver un dos maiores puntos de concentración de accidentes. Alén do mais, o deputado nacionalista exixe partidas orzamentarias específicas que faciliten licitar e comezar as obras e a construción dunha pasarela diante do Centro de Formación Agraria para o uso das veciñas e veciños.
No cruce da estrada de Ferrol, en Guísamo, a veciñanza e a formación nacionalista levan máis dunha década solicitando a reforma da estrada e das beirarrúas para mellorar a seguranza viaria na zona. Este paso da nacional sexta polo Concello de Bergondo é un dos puntos con maior concentración de accidentes e de maior problema de seguridade viaria. “Aquí danse accidentes cada pouco tempo e é unha zona moi insegura tanto para peóns como para os condutores que empregan a nacional sexta. É hora de que o Ministerio tome medidas no asunto” destaca o voceiro municipal do BNG en Bergondo, David Carro.
Por este motivo, o BNG vén de presentar iniciativas para mellorar a seguranza viaria no paso da nacional sexta polo Concello de Bergondo con distintas actuacións. “Se callar, a máis relevante é a que ten que ver coa rotonda no cruzamento da estrada de Ferrol. Un proxecto que leva moito tempo agardando e queremos que se resolva o problema de seguridade e se de resposta a todas as alegacións que fixo a veciñanza” apunta o deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego. A organización nacionalista reclama “que se dote xa dunha partida orzamentaria que permita licitar e iniciar esta actuación canto antes para pór fin a un dos puntos de concentración de accidentes e de maior problema de seguridade viaria no Concello de Bergondo”.
Paralelamente, a organización frentista tamén reclama a realización de melloras en Cortiñán “coa creación de dúas novas rotondas que reduzan a intensidade do tráfico e lle de máis seguranza aos veciños e veciñas” e, ademais, a “construción dunha pasarela diante do Centro de Formación Agraria porque é outro dos puntos problemáticos nesta zona de Guísamo”.