O BNG leva a Pleno a creación dunha Escola Municipal de Música
No noso concello só temos formación musical como actividade extraescolar organizada pola ANPA do Cruz do Sar, á que só ir o alumnado deste colexio, o cal exclúe ás persoas que xa remataron esta idade escolar
Bergondo, 23 de xullo de 2021.- O BNG pedirá no Pleno a creación dunha Escola Municipal de Música. “No noso concello só temos formación musical como actividade extraescolar organizada pola ANPA do Cruz do Sar, á que só ir o alumnado deste colexio, o cal exclúe ás persoas que xa remataron esta idade escolar. A maiores o concello ten actividades de formación en música tradicional máis non hai opción de que cando as crianzas rematan a idade escolar poidan seguir tendo formación musical no noso concello”, indicou o portavoz do BNG.
"Sería de gran interese a creación dunha Escola Municipal de Música de Bergondo, aberta á participación de calquera persoa, que comezase cos instrumentos máis demandados para ir incorporando outros co tempo, que proporcione tanto unha formación non formal como unha preparación que sirva para, se así o deciden, continuar con estudios especializados", explicou o portavoz nacionalista, David Carro.
"A música é moi beneficiosa, sobre todo para os nenos e nenas xa que axuda a mellorar a memoria, a atención e concentración, as habilidades lingüísticas, a intelixencia emocional, a coordinación, a constancia e autonomía, ... É coñecida a relación música-matemáticas linguaxe, estudada cientificamente, que proba que a educación musical a idades temperás é altamente beneficiosa no desenvolvemento das outras áreas de coñecemento, polo que o seu estudio é moi importante na formación de calquera persoa, sobre todo das máis novas, cando se constrúen as bases das súas capacidades cognitivas e emocionais", concluíu Carro.
Tarifa eléctrica
A formación nacionalista tamén presenta unha moción sobre a nova tarifa eléctrica, para instar ao Goberno do Estado a tomar medidas que redunden nunha rebaixa no prezo da mesma. A eliminación do imposto especial a electricidade e a redución do IVE ao 4%, beneficiar aos territorios produtores de enerxía eléctrica, como Galiza, compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción a través dun abaratamento dos prezos e modificar a Lei 24/2013, do sector eléctrico, para que o prezo da electricidade se estipule en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía son algunhas das propostas que inclúen.