O BNG urxiu ao Goberno Local a adoptar medidas para garantir conservación das casas reitorais de Guísamo e Cortiñán
No Pleno de xaneiro o BNG insistiu na necesidade de que o goberno local tome medidas para garantir a conservación das propiedades que teñen no concello en estado de total abandono e que supoñen un perigo para a seguridade da veciñanza
Bergondo, 21 de febreiro de 2022.- O BNG urxiu ao Goberno Local a adoptar medidas para garantir conservación das propiedades da igrexa. No Pleno de xaneiro o BNG insistiu na necesidade de que o goberno local tome medidas para garantir a conservación das propiedades que teñen no concello en estado de total abandono e que supoñen un perigo para a seguridade da veciñanza.
“Hai máis dunha década que o Goberno Local negocia a cesión da reitoral de Guísamo sen que se teñan dado avances, o que si avanzou notablemente foi o seu deterioro", indicou o portavoz nacionalista David Carro. "Esta construción supón un perigo para a seguridade da veciñanza, situada fronte unha area de esparcemento moi concorrida", expuxo Carro. Desde o BNG lembraron que levan insistindo na necesidade de garantir a seguridade e conservación deste edificio desde o ano 2015.
Abandono da casa reitoral de Cortiñán
"A reitoral de Cortiñán vai polo mesmo camiño, en total abandono sen que se tomen medidas. Por iso urximos ao Goberno Local a comunicarlle a igrexa un prazo para que dea solución a esta problemática, e do contrario optar xa pola vía coercitiva ata que as arranxen", concluíu o portavoz do BNG.