O BNG esixe acondicionar e garantir a seguridade na área recreativa de Guísamo
O BNG de Bergondo reclama ao Concello que contacte cos propietarios da antiga vivenda que ocupaba o parroco de Guísamo para que de inmediato procedan ao acondicionamento da mesma así como da parcela na que esta situada a mesma.
Bergondo, 19 de febreiro de 2015. O BNG de Bergondo reclama ao Concello que contacte cos propietarios da antiga vivenda que ocupaba o parroco de Guísamo para que de inmediato procedan ao acondicionamento da mesma así como da parcela na que esta situada a mesma. Descoñecemos se é propiedade da igrexa católica ou quen é o propietario, mais o goberno local ten formas de contactar cos propietarios e solucionar este problema para a veciñanza de Guisamo, explicou David Carro do BNG de Bergondo.
A vivenda é unha construción moi antiga que logo do falecemento do anterior párroco quedou deshabitada e se xa antes tiña claros síntomas dun galopante deterioro dende aquelas este acrecentouse, indicou Carro. "A carón desta vivenda situase unha área recreativa moi frecuentada polos veciños e veciñas xa que a mesma conta con pista polideportiva, parque infantil e parque biosaudábel. Tanto a vivenda como a parcela están nunhas condicións lamentables polo que o Concello debería tomar as medidas oportunas para garantir a seguridade nesta zona tan concorrida antes que teñamos que lamentarnos" indicou David Carro.
O entorno atopase nun estado lamentable pese a ser un área recreativa frecuentada por maiores e crianzas
A vivenda ten perigo de derrubo, de feito xa lle falta a parte central da cuberta polo que dende o BNG consideramos que se debería garantir a seguridade da veciñanza que por alí transita, cando menos, valando a construción e sinalizando o perigo, ou no seu defecto, que os propietarios fagan unha restauración das partes máis susceptibles de caer, informou.
A parcela esta chea de maleza por completo, sendo un considerable foco infeccioso pola presenza de ratos e outros animais de gran tamaño polo que compre que sexa acondicionada de inmediato, xa que tamén sería fácil que se puidese producir algún incendio, e na zona existen outras vivendas moi próximas, engadiu.