O BNG denuncia o lamentable estado do campo de fútbol do Convento e esixe a súa urxente reparación
O BNG de Bergondo demanda a urxente reparación das deficiencias do campo de fútbol do Convento, que ven sendo utilizado polos rapaces e rapazas do Lubre F.C e o seu equipo de veteranos.
Bergondo, 04 de febreiro de 2015. O BNG de Bergondo demanda a urxente reparación das deficiencias do campo de fútbol do Convento, que ven sendo utilizado polos rapaces e rapazas do Lubre F.C e o seu equipo de veteranos.
Os nacionalistas trasladaron as demandas que lles fixo chegar o presidente de clube. "Son facilmente constatábeis unha serie de deficiencias como o estado do terreo de xogo que máis parece un lodazal, a cantidade de maleza no seu entorno, os vestiarios caendo literalmente a pedazos, a deficiente instalación eléctrica, a falta de redes ", explicou o voceiro nacionalista David Carro.
"Os vestiarios están nun estado lamentábel ao igual que o entorno do campo e outras deficiencias que fan que practicar o deporte neste campo supoña un risco, máis tratandose de rapaces"
"Parecenos vergoñento que o Goberno Local prevea un gasto de 137.000 en fomento do deporte cando manten instalacións como esta nun estado de precariedade absoluta. O custe das reparacións e melloras non é moi elevado, trátase máis de obras de mantemento que outra cousa mais o goberno local non fixo nada para mellorar esta instalación", criticou Carro, "¿a isto lle chaman fomentar o deporte? ou simplemente crean a partida no orzamento porque "queda bonito" para despois deixala sen executar?", cuestionou o voceiro nacionalista.
Dende o BNG de Bergondo solicitamos ao Goberno Local do PSOE que dea unha pronta solución a todas estas deficiencias demandadas polos usuarios e usuarias da instalación antes de que a mocidade de Bergondo teña que "emigrar" a outras localidades para poder practicar deporte de base nunhas condicións optimas.
Falta de convenio coa igrexa católica
Os nacionalistas informaron tamén que este campo de futbol, no que o concello hai anos que ven facendo pequenos investimentos e que o Lubre F.C. utiliza, é propiedade da igrexa católica e o concello non ten convenio ningún asinado para o seu uso. "Demandamos do goberno local unha explicación de se é certo que se investiron cartos púlicos nun campo sen papel ningun que acredite a cesión", indicou David Carro, quen reclamou unha solución a esta situación que garanta unhas instalacións en condicións para o fútbol de base.