O BNG propón ao Pleno a celebración do “Día do deporte na rúa”
Na súa iniciativa o BNG propón tamén estudar a posíbel creación de escolas deportivas municipais nos deportes máis demandados e garantir que os diferentes clubs e equipos da localidade dispoñan das instalacións deportivas axeitadas as súas necesidades
Bergondo, 1 de xuño de 2022.- O BNG presentou no último pleno unha moción para que o goberno local faga unha maior promoción do deporte. "O Concello debe fomentar hábitos de vida saudábeis no que se inclúe a práctica do deporte”, indicou o portavoz do BNG, David Carro, quen pediu ao goberno local que colabore con agrupacións deportivas locais ou comarcais para deseñar un programa de promoción da actividade deportiva que, sen dúbida, contribuiría ao benestar da veciñanza.
Entre as propostas do BNG inclúese a organización do día do deporte na rúa "algo que se ven celebrando en diferentes concellos da contorna, con bastante éxito de participación", indicou o portavoz nacionalista.
Ademais, na súa iniciativa o BNG propón tamén estudar a posíbel creación de escolas deportivas municipais nos deportes máis demandados e garantir que os diferentes clubs e equipos da localidade dispoñan das instalacións deportivas axeitadas as súas necesidades.