BNG exixe explicacións ao Ministerio polo excesivo prazo de execución da rotonda de Guísamo
Segundo o contrato adxudicado teremos que agardar aínda case 3 anos máis a que rematen dende o seu inicio, algo excesivo para unha actuación como esta que debera ter prazos moito máis reducidos"
Bergondo, 27 de maio de 2022.- O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que explique os motivos que levan a desenvolver nun longo período- 34 meses- as obras de mellora do punto negro situado na confluencia entre a N-VI coa estrada de Ferrol, en Guísamo.
"A veciñanza leva máis dunha década agardando por estas obras, soportando a perigosidade deste cruce, como demostran os datos de sinistralidade”, explicou Rego. “Segundo o contrato adxudicado teremos que agardar aínda case 3 anos máis a que rematen dende o seu inicio, algo excesivo para unha actuación como esta que debera ter prazos moito máis reducidos", indicou Rego, que fai uns meses visitara a zona para coñecer a problemática de primeira man e presentar iniciativas reclamando a súa adxudicación.
"O BNG leva anos pelexando pola mellora desta intersección”, recordou o concelleiro do BNG, David Carro. “Á alegría inicial pola súa adxudicación veu a decepción posterior ao ver o prazo de execución. Por iso, esiximos ao Goberno Local de PSOE-AV que defenda os intereses da veciñanza e reclame maior celeridade ao Goberno do Estado" concluíu o portavoz do BNG.
Na iniciativa presentada polo BNG instase ao Ministerio de Transportes a aclarar o prazo de execución da mencionada obra, así como a disposición deste a rebaixalo.